Unitono modifica as condicións laborais e presenta un ERE de despedimento colectivo

O expediente de regulación de emprego ten a intención de extinguir 72 contratos, 45 deles no centro de traballo de Ourense, ao tempo que iniciar tamén unha modificación das condicións laborais para outras 61 persoas.
Protesta da  folga de Unitono en Ourense (Nós Diario)
photo_camera Protesta da folga de Unitono en Ourense (Nós Diario)

O pasado 6 de marzo a empresa GSS, propietaria de Unitono, presentou un expediente de regulación de emprego para a extinción de 72 contratos, 45 deles no centro de traballo de Ourense, ao tempo que iniciou tamén unha modificación das condicións laborais para outras 61 persoas, das cales 39 son afectadas en Ourense. A modificación presentada consistiu nunha redución de xornada a 25 horas semanais, o cal supón para as persoas afectadas vivir cun salario de pouco máis de 650 euros, "totalmente insuficiente para subsistir", segundo denuncian desde a CIG.

Historia dun despropósito

Desde a central sindical nacionalista relatan "a historia dun despropósito" que levou á situación actual. Unitono traballou 10 anos para atender a clientela de Naturgy. Após a súa marcha, Unitono crea unha plataforma en Reus para facer o traballo que realizaba en Ourense. En outubro de 2019 Unitono pasa a formar parte da empresa GSS, do grupo italiano Covisian, un grupo empresarial "totalmente solvente e cunha carga de traballo que fai que estea ampliando as contratacións". A CIG denuncia que, nesta situación, "é moita cara dura dicir que non teñen carga de traballo suficiente para manter os postos e as condicións laborais do persoal de Unitono Ourense". Desde a central nacionalista sindical levan máis dun ano denunciando esta situación. "Apelamos en incontábeis ocasións á Xunta da Galiza, para traballar no mantemento do emprego na nosa terra, mais a súa total inoperancia e incapacidade, xunto coa nefasta xestión de Unitono primeiro, e posteriormente GSS, fai que 125 traballadoras e traballadores en Ourense perdan os seus empregos ou as súas condicións laborais non lles permitan sobrevivir dignamente do seu traballo", aseguran.

Comentarios