Unidade de CIG e CUT contra a “discriminación machista” das traballadoras da limpeza da Xunta

As secretarías de mulleres de ambos os dous sindicatos subscriben un comunicado conxunto no que denuncian a “pasividade” do goberno galego perante esta discriminación.

traballadoras limpeza
photo_camera traballadoras limpeza

As Secretarías das Mulleres da CIG e da CUT solidarízanse nun comunicado conxunto coa loita das traballadoras da limpeza da Xunta na súa denuncia por discriminación salarial. O servizo está privatizado e actualmente xestionado pola empresa Grupo Norte. Estas mulleres levan cinco meses reclamando con diversas mobilizacións e protestos a fin da clasificación profesional “sexista e da discriminación salarial por razóns de xénero”. 

As mulleres representan 90 por cento do persoal e ningunha ten a categoría de peoa especialista. “O resto que si dispoñen desa categoría, co seu respectivo incremento salarial, son homes”. A esta situación, indican estes sondocatos, engádeselle unha sobrecarga laboral extrema debido á ausencia de cobertura das baixas laborais ou as vacacións. A principal consecuencia desta sobrecarga atópase na propia saúde das traballadoras.

“CIG, CUT unímonos para condenar frontal e inexcusablemente a discriminación machista que están a sufrir estas traballadoras e esiximos a súa fin facendo que todas as traballadoras cunha antigüidade mínima de seis anos pasen inmediatamente á categoría de peoa especialista de xeito automático”. 

Non facelo así, denuncian, significaría alargar a fenda salarial por razón de xénero. Ademais, cargan contra a “pasividade” da Xunta, incapaz de adoptar até o momento ningunha medida para rematar con esta discriminación. 

Comentarios