Unanimidade en rexeitar un Centro de Excelencia do Sector Naval fóra de Ferrol

Sindicatos e concello non consideran lóxica que a instalación anunciada por Siemens estea en Compostela.

Estaleiros de Navantil (cig.gal)
photo_camera Estaleiros de Navantia (cig.gal)

O anuncio realizado hai uns días do acordo entre Navantia e Siemens para crear un Centro de Excelencia do Sector Naval en Compostela está a levantar en pé de guerra a toda a comarca. No comunicado de Siemens que alertou desta proposta asegurábase que esta opción “impulsará a transformación dixital, desenvolverá as futuras solucións para o sector naval e incentivará a colaboración entre os distintos axentes de la industria”. Desde Ferrol non se entende que esta instalación marche cara a capital de Galiza tendo un Centro de Innovación e Servizos (CIS) e mesmo un Campus universitario con titulacións relacionadas.

CIG-Industria fala de “escándalo”

A central sindical nacionalista amosou o seu “estupor” polo acordo entre Navantia e Siemens para a posta en marcha desta instalación en Compostela. Desde CIG-Industria consideran “un escándalo e a mostra máis palpábel do desprezo con que Navantia e a SEPI tratan a esta comarca que se estude levar a Compostela este proxecto”. Para o sindicato que se instalar en Ferrol suporía “dar un pulo á I+D+I e reforzar a aposta no desenvolvemento da enxeñaría que está directamente vinculada á actividade produtiva nos estaleiros da ría de Ferrol”.

CIG.Industria cre que en Ferrol podería axudar a diversificar os empregos.

Desde a central sindical opinan que, no caso de non existir actualmente no estaleiro un espazo para acomodar o centro, poderíanse aproveitar os anunciados investimentos para a modernización das instalacións para facer as obras pertinentes con tal finalidade. Por último sinalan que situar esta instalación en Ferrol podería axudar a diversificar os empregos que se ofertan con novos perfís profesionais nunha comarca con elevados niveis de desemprego.

Outro dos sindicatos que xa se manifestou sobre este tema foi CCOO-Galiza. O seu secretario xeral de Industria, Víctor Ledo, asegurou en rolda de prensa que o centro de excelencia do sector naval "vai ter que ser en Ferrol si ou si", á marxe de que Siemens "nas súas oficinas poida facer o que queira".

Para o alcalde é unha “decisión non acertada”

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, asegurou que o Centro de Excelencia do Sector Naval "ten que estar e vai a estar" na súa cidade.

"Penso que a decisión que se tomou non é acertada", salientou o rexedor socialista en declaracións aos medios de comunicación. Mato incidiu en que "é algo básico e fundamental" polo que convocou unha xunta de portavoces "para tentar realizar unha declaración institucional, apoiada por todos os grupos do Concello, para solicitar de Navantia e do Goberno que traballen a favor de que Siemens sitúe este centro na cidade de Ferrol".

Comentarios