CRISE INDUSTRIAL

Un 2020 de ERE para a industria?

Os expedientes de regulación de emprego están enriba da mesa das grandes empresas electrointensivas galegas, que de non lograren un bo resultado na poxa eléctrica prevista polo Goberno español para o vindeiro 16 de decembro, poderían acometer recortes nos seus cadros de persoal.
Operarios de Alcoa na planta de Cervo. (Europa Press)
photo_camera Operarios de Alcoa na planta de Cervo. (Europa Press)

De non mudar a situación, 2020 podería ser un ano negro para a grande industria galega. Esta terza feira, Ferroatlántica, a empresa controlada polo empresario Juan Miguel Villar Mir, anunciou a aplicación dun Expediente Temporal de Regulación de Emprego (ERTE) na súa planta de Boo (Cantabria), que podería facerse extensiva á que aínda conserva en Sabón (Arteixo). A xustificación, o encarecemento da enerxía. Como recoñece o propio director da planta, Alberto Fuentes, a poxa de interrompibilidade ─as axudas que concede o Goberno ás industrias a cambio de que poidan sufrir cortes de subministro en episodios de alta demanda de electricidade─ anunciada polo Goberno para a semana do 16 ao 20 de decembro “pon imposíbel” a viabilidade desta factoría a curto prazo, xa que “non pode competir coas fábricas do resto de Europa”. 

 A planta arteixá ten enriba da mesa un ERTE de dous anos de duración en quendas rotatorias de catro meses que, de activarse, afectaría á totalidade do cadro de persoal de Ferroatlántica en Sabón. Ese expediente está condicionado ás expectativas de produción para o vindeiro ano, que quedarán recollidas nos orzamentos da empresa de 2020, que se coñecerán a finais de mes. De non acadar un bo resultado na poxa do Goberno, a actividade podería pasar do 100% actual a practicamente cero. 

O problema está no deseño da nova poxa do Goberno español, que reduce 60% o servizo de interrompibilidade, un feito que levou a Asociación de Empresas con Gran Consumo de Enerxía (AEGE) a cargar contra o Executivo en funcións por “non cumprir o seu compromiso de aprobar o Estatuto de Consumidores Electrointensivos”, un feito que consideran “unha discriminación inxustificábel entre uns sectores e outros”, cando, por outro lado, aprobou un real decreto que garante a rendibilidade aos investidores en enerxías renovábeis.

No caso das industrias de ferroaleacións, que na Galiza tamén está representada polas plantas de Cee e Dumbría, antes propiedade de Ferroaltántica e agora baixo control do fondo TPG Sixth Street, os custos eléctricos representan 40% dos seu custos totais. Como apunta o director da planta de Boo,o diferencial cos competidores europeos sitúase entre 20 e 25 euros por megavatio-hora. "Con este novo recorte (o da poxa) ponse en risco a viabilidade de toda a industria electrointensiva no Estado, especialmente a metalúrxica e siderometalúrxica", advertiu Fuentes. Megasa, Celsa Atlantic ou Alcoa forman parte destes sectores e, por tanto, teñen por diante meses complicados.

Desde a planta de Alcoa en Cervo, o presidente do comité, Xosé Antonio Zan, avisa de que o futuro da planta mariñá está "en grave risco" e verase avocada ao feche se o Goberno español "segue a tomar medidas desta índole". "Porque estamos a pedir que baixen o prezo do megavatio e por riba súbenno dez euros", criticou. "Isto lévanos a pensar que o Gobierno o non quere industria ou está a actuar de moi mala fe cando di una cosa e logo fai a contraria". O vindeiro 14 de decembro, as traballadoras convocaron unha mobilización ante a Subdelegación do Goberno en Lugo para esixir ao Executivo a apertura dunha mesa de diálogo.

Sector enerxético

Pero o das industrias electrointensivas non é o único sector sobre o que planea a sombra dos ERE. Tamén está o enerxético. Naturgy confirmou o feche da súa central de Meirama (Cerceda) o vindeiro ano, o que levará consigo recolocacións e despedimentos. No caso da das Pontes, propiedade de Endesa, aínda non está clara a data na que vai cesar definitivamente a súa actividade. Sábese que será antes de 2022, pero de momento non hai máis detalles. O ciclo combinado é o único que esta a producir enerxía nestes momentos. Desde a Xunta aumentan a presión para que a empresa poña en funcionamento os da térmica. Esta semana, tras a reunión de alto nivel coa ministra en funcións de Transición Enerxética, Teresa Ribera, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e directivos da enerxética, Alberto Núñez Feixoo insistía na necesidade de reavaliar os resultados económicos e medioambientais (no que atinxe á emisión de gases de efecto invernadoiro) de substituír parte do carbón que se queimaba até agora na térmica das Pontes por lodos ou outros combustíbeis, co obxectivo de evitar o seu feche. Da súa continuidade dependen centos de postos de traballo directos, pero tamén indirectos, como os dos transportistas ou as persoas que traballan no almacén de carbón do porto exterior.

O naval é outro dos motores da economía galega que está en risco. Con Vulcano xa desmantelado, está por ver cal será o futuro do estaleiro vigués Hijos de J.Barreras, agora en mans da norteamericana Ritz-Carlton, que queda na empresa até o remate do seu cruceiro. Despois de que conclúa todo son incertezas. E con Navantia, outro dos pesos pesados do sector, máis do mesmo. Nos estaleiros da ría de Ferrol esixen carga de traballo mentres agardan polo inicio da construción das fragatas F-110 prometidas polo Goberno español. 

Por se fose pouco, as conserveiras tampouco se libran deste futuro de incertezas. A modificación do Regulamento Xeral de Costas na que traballa o Executivo deixa no aire a continuidade de moitas das plantas de transformación, pero tamén de todos os negocios de agricultura. Un golpe en calquera destes sectores pode ter consecuencias noutros moitos que dependen deles. Avecíñase un ano movido no laboral. Está por ver se o téxtil e a automoción, os dous principais motores da economía galega, logran dominar as curvas e manter a flote o cada vez máis feble tecido produtivo.

Comentarios