Última semana para a negociación do ERE do BBVA

O prazo remata o vindeiro 4 de xuño. Conseguiron avances, mais as súas pretensións seguen afastadas.

Manifestación na Coruña contra o ERE do BBVA o pasado 26 de maio (Nós Diario).
photo_camera Manifestación na Coruña contra o ERE do BBVA o pasado 26 de maio (Nós Diario).

O BBVA e a representación laboral están diante dos últimos días para alcanzar un acordo sobre o despedimento colectivo que ten a intención de acometer a entidade. O prazo límite para o remate da negociación sería a sexta feira, 4 de xuño, cando acaba o período formal de consultas.

Nas últimas semanas o banco mellorou as condicións económicas que ofrece para as e os afectados e reduciu en case 500 os despedimentos previstos mediante algunhas recolocacións a centros de xestión remota, até un total de 3.305 a nivel estatal.

A proposta do BBVA

Ademais de reducir a afectación, BBVA rebaixou a 50 anos o limiar para partir do cal os empregados adheridos ao expediente de regulación de emprego (ERE) poden 'prexubilarse' e diminuíu de 15 a 10 anos a antigüidade que terá en conta para as indemnizacións.

A aqueles de entre 50 e 54 anos ofrécelles catro veces o 65% do salario, até un máximo de 250.000 euros, e un convenio especial coa Seguridade Social até os 61 anos, así como unha prima de 2.000 euros por cada tres anos de antigüidade e unha prima de voluntariedade de 10.000 euros brutos (entre 10 e 15 anos) ou de 15.000 euros brutos (máis de 15 anos).

Para os empregados de entre 55 e 62 anos con máis de 10 anos de antigüidade propón deixar o banco co 70% do salario e un convenio especial até os 63 anos, cunha revalorización de 1%, descontada a prestación por desemprego e, no seu caso, subsidio.

A indemnización proposta para os empregados menores de 50 anos e os que teñan menos de dez anos de antigüidade é de 33 días por ano traballado cun tope de 20 mensualidades), prima de 2.000 euros por cada tres anos de antigüidade e primas de voluntariedade de 5.000 euros brutos (entre 5 e 10 anos), 10.000 euros brutos (entre 10 e 15 anos) ou 15.000 euros brutos (máis de 15 anos de antigüidade).

Finalmente, a proposta para os empregados de 63 anos ou máis é de 20 días por ano traballado, cun máximo de 12 mensualidades. É a única coa que estaría conforme CCOO, que pide melloras económicas para o resto dos tramos de idade.

A CIG cualifica de “absurdo” o ERE

Desde a CIG cualifican de "absurdo" que pretendan despedir empregadas e empregados, recortar as condicións de traballo do persoal que queda, reducir os servizos á clientela e afondar na exclusión financeira, "cando non existen motivos para este ERE". Desde a central nacionalista lembran que “o ano pasado o banco obtivo beneficios millonarios e no primeiro trimestre deste 2021 gañou máis de 1200 millóns de euros, e ademais a cúpula directiva continúa subíndose os salarios de maneira escandalosa".

O secretario da sección sindical da CIG, Miguel Fernández, afirma que "se a empresa considera que sobra xente ten que presentar un plan de saídas a base de prexubilacións. En Galiza hai 158 persoas maiores de 58 anos e o banco non tería dificultades para prexubilalas, mais dinnos que van botar á rúa persoal de menos de 50 anos". Para este sindicalista "a empresa o que busca é despedir persoal, precarizar condicións e seguir fechando oficinas".

Proposta de CCOO

A última proposta deste sindicato pretende que a indemnización para os menores de 50 anos sexa de 45 días por ano traballado, para os de 50-52 anos de seis veces o 65% do salario e o convenio especial até os 64 anos con revalorización anual de 2% e para os de 53-54 anos exixe unha renda temporal de 75% do salario até os 64 anos e convenio especial ate esa idade, con revalorización de 3%.

Así mesmo, o sindicato propón que os traballadores de entre 55 e 62 anos poidan deixar a entidade co 80% do salario e teñan un convenio especial ata os 64 anos, cunha revalorización do 3%.

Os sindicatos CCOO, UXT e ACB convocaron un paro de dúas horas esta segunda feira, 31 de maio, e unha folga de 24 horas o día 2 de xuño.

Comentarios