O traballador ingresado na UCI após o derrubamento do escenario do Son do Camiño segue "estábel" e sen novidades

Os outros dous operarios aos que lles caeu enriba a estrutura continúan hospitalizados en planta e evolucionan "favorabelmente", segundo fontes da Xunta.
Ampla despregadura de medios no rescate e atención médica dos traballadores que quedaron atrapados pola caída dun palco do Son do Camiño. (Foto: Arxina)
photo_camera Ampla despregadura de medios no rescate e atención médica dos traballadores que quedaron atrapados pola caída dun palco do Son do Camiño. (Foto: Arxina)

Un dos traballadores feridos no accidente laboral ocorrido na pasada sexta feira ao derrubarse parte do escenario principal en montaxe do festival de música O Son do Camiño permanece estábel ingresado na UCI.

Así o veñen de notificar a Europa Press fontes da Xunta da Galiza, que detallaron que os tres pacientes fican hospitalizados "sen mudanzas", o máis grave "estábel" na UCI do Hospital Clínico da capital galega; mentres que os outros dous seguen en planta e evolucionan "favorabelmente".

O sábado pasado o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, sinalou que o traballador que se atopa en estado grave "aparentemente caeu desde arriba", mentres que os outros tiveron lesións após caerlles enriba o escenario.

A respecto das causas do accidente laboral, o director xeral pediu agardar polos informes de Inspección de Traballo e do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), así como do informe da Policía Nacional, que xa foron trasladados ao xuíz.

Villanueva instou así a evitar "elucubracións" sobre o que puido acontecer e remitiu a esa investigación que agora se está a producir, mentres o presidente galego, Alfonso Rueda, apuntou a priori a un "refacho de vento" como causa da caída da estrutura.

Aliás, segundo transcendeu nas últimas horas en diferentes medios de comunicación —e puido confirmar este xornal—, o escenario que caeu no Monte do Gozo de Compostela foi o mesmo que só uns días antes, o pasado 1 de xuño, utilizaron os Rolling Stones no Wanda Metropolitano de Madrid. É un palco frecuentemente montado e desmontado —e desprazado— por diferentes cidades.

A organización do festival, pola súa parte, informou de que terá lugar nas datas previstas, os días 16, 17 e 18 de xuño, isto é, esta mesma semana, cun escenario de menores dimensións.

Comentarios