O TSXG recoñece a un canteiro afectado por sarcoidose a incapacidade permanente total

É unha enfermidade crónica que afecta traballadores e traballadoras expostas a po neumoconiótico. A sentenza abre as portas a que outros operarios e operarias afectadas por esta doenza a pedir o recoñecemento legal de incapacidade.

Canteira de granito no Porriño (Cedida)
photo_camera Canteiras de granito

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de emitir sentenza pola cal recoñece a incapacidade permanente total a Fernando Mella Touceda, quen durante a súa vida foi canteiro en obradoiros de pedra e marmorerías e que foi diagnosticado en 2015 con sarcoidose pulmonar en estadio II.

 A sarcoidose, explica Mario Maceiras, secretario comarcal da FCM-CIG da Coruña, garda un certo parecido coa silicose, provocando granulomas principalmente nos pulmóns, se ben pode afectar a calquera órgano do corpo, a pel ou os ganglios linfáticos. Malia que moitas persoas afectadas non presentan ningún tipo de síntoma, os máis típicos son a tose, dificultade para respirar, perda de peso, suores nocturnas e fatiga.

Ao contrario do que pasa coa asbestose ou a silicose, a sarcoidose non está demostrado que estea directamente relacionada co mundo do traballo. "Porén”, explican desde o sindicato nacionalista, “tal e como temos comprobado, a súa incidencia redúcese case exclusivamente a operarios e operarias que estiveron expostos a po neumoconiótico durante a prestación do seu traballo", destaca.

Desde o momento no que se lle diagnosticou esta enfermidade crónica, o traballador iniciou, co asesoramento da CIG, unha longa batalla legal co Instituto nacional da seguridade social (INSS) a respecto do recoñecemento da incapacidade permanente para o desenvolvemento do seu traballo habitual como canteiro, dadas as limitacións que lle supón esta doenza.

A Federación de Construción e Madeira da CIG salienta a importancia da resolución do TSXG (que é firme e que revoga unha sentenza anterior contraria emitida polo Xulgado do Social nº 2 da Coruña), xa que abre a porta a outros traballadores e traballadoras xa diagnosticadas ou que sospeiten que poden padecer esta enfermidade a loitar polo recoñecemento legal do seu carácter incapacitador.

Comentarios