O TSXG obriga a Seaga a ampliar o contrato do persoal a toda a campaña

A decisión afecta a uns 500 empregados e adoptouse após a demanda de conflito colectivo presentada pola CIG.

manifestación, seaga, cig, incendios
photo_camera Mobilización de traballadores de Seaga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de condenar a empresa pública de servizos agrarios (Seaga) a estender o período de contratación de todos os traballadores fixos descontinuos á duración completa das campañas de perigo alto, o que implicará un aumento de 35 días a cada empregado. A decisión afectará a uns 500 empregados das brigadas de extinción de incendios forestais de todo o país e foi adoptada após a demanda de conflito colectivo presentada pola CIG.

A sentenza estima en parte a as reclamacións da central ao recoñecer o dereito de todos os traballadores desta empresa pública a seren contratados dende o comezo da execución da encomenda de xestión realizada pola Xunta a Seaga e até o remate da mesma.

Dende a CIG salientan a gran repercusión que esta resolución xudicial vai ter tanto dende a prespectiva do servizo de loita contra os lumes forestais como dende a prespectiva laboral. “Alén da satisfacción que produce esta sentenza, cómpre poñer de manifesto a nefasta xestión dos servizos públicos que realiza o actual goberno do PP, xa que non é de recibo que unha empresa pública como é Seaga, cuxo presidente é o conselleiro do Medio Rural, piratee os dereitos dos traballadores/as obrigándonos a acudir á Xustiza ante a súa negativa a dialogar e a cumprir coas obrigas laborais, máis aínda nunha actividade tan sensíbel como a extinción de incendios forestais.”, critican.

Comentarios