O TSXG obriga incluír o persoal funcionario interino e laboral temporal da Xunta na carreira profesional

A CIG presentou a demanda.

Caravana de coches do colectivo de lecer nocturno de Compostela ante San Caetano (Foto: Arxina).
photo_camera San caetano, sede central da Xunta (Foto: Arxina).

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de obrigar incluír o persoal funcionario interino e laboral temporal da Xunta de Galiza no ámbito do sistema extraordinario da carreira profesional, segundo informa o sindicato CIG. A sentenza, ditada a raíz da demanda presentada pola CIG-Administración Autonómica, foi cualifica pola súa responsábel nacional, Zeltia Burgos, como “demoledora”.

“O Acordo de concertación asinado entre a Xunta CCOO e UGT e o seu desenvolvemento co Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT para a implantación do réxime extraordinario de acceso ao grao I do sistema de carreira profesional, excluía o persoal funcionario interino e laboral temporal do dereito a solicitar e integrarse no sistema de carreira profesional e, polo tanto, de cobrar a mesma”, afirma esta central sindical.  O determinante para acceder, segundo a sentenza, non é se o posto se desenvolve con carácter fixo ou temporal, senón as competencias e o desempeño do persoal.

Esta foi unha das razóns polas que a CIG afirma que non asinou este acordo.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza estimou a demanda nunha sentenza “demoledora” segundo a CIG. A responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica entende que “con este novo golpe xudicial á Xunta, demostramos que non valen as chantaxes e que non se pode excluír o persoal laboral temporal e funcionario interino do dereito á carreira”.

Tamén no caso do Consorcio emitiuse xa a primeira sentenza gañada recoñecendo o dereito ao persoal fixo a acceder ao sistema extraordinario de carreira profesional, algo que con esta nova sentenza do TSXG cobra máis forza.

A CIG-Administración Autonómica exixe á Xunta que sente a negociar a inclusión de todo o persoal no ámbito subxectivo do sistema extraordinario e que se recoñeza o dereito deste persoal con carácter retroactivo dende o 1 de xaneiro de 2019.

Comentarios