O TSXG estima o recurso da CIG contra a orde da Xunta que fixaba os servizos mínimos na greve do 061

greve 061

A sección primeira da sala do Contencioso-administrativo do TSXG estimou o recurso interposto pola Confederación Intersindical Galega (CIG) contra a orde da Consellería de Sanidade na que determinou os servizos mínimos durante a folga deste verán levada a cabo polo persoal de operacións telefónicas da Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de GaliZa 061. O tribunal anulou a orde impugnada en canto á determinación dos servizos mínimos establecidos durante a folga ao persoal do Grupo Norte, empresa que xestiona a Central de Coordinación da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias 061.



O TSXG argumenta no fallo que o decreto da Xunta carece “dunha motivación adecuada” que xustifique o cento por cento dos efectivos que fixaba como servizos mínimos. A sala indica que a Consellería de Sanidade non especificou o número de telefonistas afectados polos servizos mínimos nin o número de traballadores que integran os cadros de persoal.

Comentarios