domingo 24/10/21

TSXG desestima o recurso da CUT contra a resolución que prohibía a manifestación do 1 de maio

O tribunal sinala que "a tutela da saúde pública" debe "ter preferencia" sobre o dereito de reunión e manifestación. Ricardo Castro, secretario xeral da CUT: “A sentenza confirma que tanto ten que sexa estado de alarma, excepción ou sitio".

primeiro de maio cut cgt
Imaxe de arquivo do 1 de maio

A sección primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) desestimou un recurso interposto pola Central Unitaria de Traballadoras (CUT) contra a resolución pola que a Subdelegación do Goberno de Pontevedra lle denegou a celebración dunha manifestación en coches o 1 de maio en Vigo.

A sentenza, contra a que non cabe recurso, mantivo a prohibición de levar a cabo a marcha rodada e impuxo o pagamento das costas procesuais ao sindicato. En concreto, a CUT solicitara levar a cabo unha carabana pola cidade, entre a Praza dos Cabalos e a zona do Arenal, en coches particulares cun só ocupante por vehículo e cumprindo as normas sanitarias polo coronavirus.

A ese respecto, o tribunal sinalou que "o desprazamento en vehículo para a celebración dunha manifestación en caravana non se acha entre as actividades permitidas no Real Decreto (...) do estado de alarma".

Para o Secretario Xeral da CUT, Ricardo Castro, “non temos diante unha sentenza, senón un relato ideolóxico do fascismo amparado na interpretación ad hoc das leis en función do que ditamina o Ministerio do Interior”.

Castro considera que  “a sentenza confirma que tanto ten que sexa estado de alarma, excepción ou sitio, pois o maxistrado indica que en calquera destes estados, e en nome da saúde pública, poden cargarse dun plumazo o que consideren oportuno, demostrando que aquí non hai nin democracia nin separación de poderes, tan só a intención de eliminar calquera contestación ás políticas do goberno e á sacrosanta unidade de España”.

comentarios