O TSXG desestima o recurso da CIG contra a prohibición de se manifestar con motivo do Foro da Toxa

  A central sindical considera indignante que se impida a mobilización “mentres se permiten actos de exaltación fascista”

Mariano Rajoy e Felipe González no Foro da Toxa (Europa Press)
photo_camera Mariano Rajoy e Felipe González no Foro da Toxa nunha imaxe de arquivo (Europa Press)

A CIG informa que o TSXG vén de desestimar o recurso contencioso administrativo interposto pola central sindical contra a resolución da Subdelegación do Goberno de Pontevedra pola que se denegaba o dereito a manifestarse esta sexta feira, día 1 de outubro, das 10:00 ás 14:00 horas, coincidindo coa celebración da última xornada do III Foro da Toxa.

A mobilización estaba convocada para denunciar ante os seus responsables “a estafa dos prezos da enerxía eléctrica, que mañá alcanzará o escandaloso prezo de 216€/MWh; o peche de oficinas bancarias, que a Xunta financia con subvencións a caixeiros, e a grave crise económica, industrial e laboral que padece Galiza”.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, manifesta a súa indignación ante esta decisión, máis cando o Ministerio Fiscal dá a razón á central sindical indicando que "en lugar de prohibir a concentración" deberíanse ter establecido "medidas restritivas que permitiran a compatibilidade do dereito de manifestación coa seguridade e a orde..."

O secretario xeral da CIG afirma que "en ningún momento se nos deu a oportunidade de cambiar o itinerario"

Carril denuncia ademais que para chegar a este fallo o TSXG baséase “nun dato falso”: a presuposición de que a central sindical coñecía o informe da policía local do Grove. A sentenza sinala que, nese informe, a policial local alude a que a zona recomendada puidera ser dentro da propia illa da Toxa, no Paseo do Mar, e afirma que "coñecido o devandito informe pola organización sindical actora desde un primeiro momento, tivo a CIG a oportunidade de propoñer/aceitar o itinerario alternativo proposto no citado informe e, porén, non efectuou manifestación algunha nin no escrito reitor do procedemento, nin no escrito de alegacións posteriormente incorporado ás actuacións".

Fronte a isto, o secretario xeral da CIG afirma que "en ningún momento se nos deu a oportunidade de cambiar o itinerario". Paulo Carril conclúe cualificando a decisión do tribunal como "desproporcionada", denuncia a "vulneración de dereitos fundamentais" e considera que "se prioriza o ánimo de reprimir, como aconteceu na concentración pacífica convocada onte pola Mesa pola Normalización Lingüística".

O secretario xeral da CIG reitera ademais a denuncia de que se "deneguen mobilizacións da clase traballadora e que, porén, se autoricen manifestacións nazis, racistas e homófobas".

Comentarios