O TSXG desestima a demanda da CUT contra a CRTVG e varios sindicatos

O TSXG desestimou a demanda interposta pola CUT contra a CRTVG por suposta vulneración do seu dereito á liberdade sindical, ao reducir o crédito horario en vigor desde 2015 coa finalidade, segundo este sindicato, de o represaliar e silenciar a súa acción sindical "especialmente combativa". 

Imaxe de arquivo da sede da CRTVG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe de arquivo da sé da CRTVG. (Foto: Nós Diario)

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) desestimou a demanda interposta pola CUT contra a Corporación da Radio Televisión da Galiza (CRTVG) por suposta vulneración do seu dereito á liberdade sindical, ao reducir o crédito horario en vigor desde 2015 coa finalidade, segundo este sindicato, de o represaliar e silenciar a súa acción sindical "especialmente combativa".

Xunto coa  dirección da CRTVG, a CUT demandou aos sindicatos con representación na canle pública insinuando un acordo coa empresa para "os premiar e sobre representar".

Esta última retirouna na fase de conclusións do xuízo por estar, segundo o fundamento xurídico, ante unha "práctica da empresa". 

Sobre os feitos da demanda, desde un dos sindicatos, a CIG, negan a veracidade dos mesmos.

En relación ao sistema de crédito horario de xuño de 2015, que a CUT pedía que estivera en vigor, a central nacionalista desmentiu o seu carácter proporcional, xa que  "era un sistema que premiaba as maiorías e beneficiaba desproporcionadamente á CUT".

A consecuencia foi, segundo a CIG, que "a CUT estaba bonificada cun crédito adicional do 88,61% sobre o legal, mentres que o de CCOO representaba o 66,67% e o da CIG non chegaba ao 46%". 

Non se acredita especial combatividade

Sobre a conflitividade na empresa argumentado na demanda, o TSXG conclúe que "non se acredita, nin sequera indiciariamente, unha especial combatividade da CUT que moleste á empresa, estamos ante cinco sindicatos de clase que teñen as súas propias estratexias sindicais pero que coinciden en moitas das accións colectivas".

Comentarios