TSXG declara nulo o despedimento dun traballador dunha empresa de transportes de Ourense por ser pai

A empresa deuno de baixa o mesmo día do parto. "O seu despedimento produciuse polo feito do parto da súa muller e de todas as consecuencias que se poderían derivar do mesmo", sinala o Tribunal.

Edificio do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (Foto: Europa Press).

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) declarou nulo o despedimento dun traballador dunha empresa de transportes de Ourense ao considerar que foi dado de baixa por ser pai. Nun fallo con data do 16 de abril, condena a compañía á inmediata readmisión do empregado nas mesmas condicións laborais que tiña.

Ademais, a compañía deberá pagar ao afectado os salarios deixados de percibir desde entón e até a súa efectiva reincorporación ao posto de traballo, así como unha indemnización por dano moral de 6.251 euros. Contra o fallo cabe recurso de casación.

O TSXG destaca que o empregado comunicou á empresa o estado de xestación da súa muller e, o 22 de abril de 2020, o parto. A compañía despediuno ese mesmo día, pero mediante un burofax enviado o día 24 de abril de 2020.

"Isto é un indicio, ou unha forte sospeita, de que puidese existir unha conexión entre o parto (e a súa condición de pai) e a decisión empresarial, ao concorrer unha inmediatez temporal entre un e outra; sen que teña nada que ver co exercicio dun permiso de paternidade, senón coa condición de proxenitor e de todas as consecuencias legais, que, diso, puidese deducir a empregadora que ían ocorrer", indican os maxistrados.

Igualmente, o TSXG apunta que "non se probou por parte da empresa ningún incumprimento ou causa que puidese amparar a decisión fóra daquela vinculación co parto". A compañía, por tanto, "non afastou esta sospeita fundada (o despedimento como consecuencia de ser pai) con probas da existencia dunha causa obxectiva, allea e non espuria da súa decisión", indica a Sala, polo que declara o despedimento nulo a todos os seus efectos.

O alto órgano xudicial galego entende que, neste caso, produciuse un despedimento por "discriminación reflexa", xa que "se vulnerou o dereito do recorrente á igualdade e a non sufrir discriminación por razón de sexo (embarazo), dado que lle sería proxectábel -indirectamente- a protección outorgada polo artigo 55.5 do Estatuto dos Traballadores".

O alto tribunal, que aplica a doutrina xurisprudencial europea relativa á discriminación reflexa, subliña que ao traballador "tratárono de maneira menos favorábel (despídese) por motivo dun dos trazos ou características protexidos (o parto ou nacemento dun fillo), que, a pesar de non concorrer en si mesmo (nin estivo embarazado nin deu a luz) o motivo do trato menos favorábel, fundamentouse en dita característica, pois, precisamente, o seu despedimento produciuse polo feito do parto da súa muller e de todas as consecuencias que se poderían derivar do mesmo (permisos, baixas, etc.)".

Comentarios