TSXG condena Seaga a retornar ao persoal os 8 días de permiso retribuído recuperábel

Descontáronllos das vacacións e asuntos propios en 2020, denunciou a CIG.

Os incendios de 2017 arrasaron case 9.000 hectáreas dos espazos protexidos do Xurés e de Ancares (Imaxe: Rosa Veiga).
photo_camera (Foto: Rosa Veiga).

CIG informa que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de darlle a razón e condenar Seaga a retornar ás traballadoras e traballadores os 8 días de permiso retribuído recuperábel descontados das vacacións e asuntos propios do ano 2020.

A sección sindical sinala que durante o período de confinamento (2020) o Goberno impuxo o goce dun permiso retribuído de 8 días aos traballadores e traballadoras da maioría dos sectores de actividade, a recuperar no ano 2020.

O que fixo Seaga, afirma a CIG, foi colocar en situación de permiso ás súas brigadas de tarefas preventivas e, rematado o permiso, empezou unha negociación coas organizacións sindicais para a recuperación dos 8 días.

A proposta da empresa pública consistiu en descontar ao persoal afectado 7 días das súas vacacións e 1 día do seu cupo de asuntos propios, co obxecto de recuperar os 8 días concedidos.

Segundo explican, “CCOO votou a favor da proposta da empresa, UGT abstívose e a CIG votou en contra a alegar que os brigadistas constituían un servizo esencial excluído do permiso retribuído”. A negociación rematou sen acordó¡e a dirección impuxo a todos os brigadistas o desconto de 7 días das súas vacacións e 1 día da cota de asuntos proprios.

CIG interpuxo demanda de conflito colectivo no TSXG en reclamación do retorno dos 8 días descontados “de xeito improcedente das vacacións e asuntos propios do ano 2020 aos brigadistas afectados”.

O TSXG “dá finalmente a razón á CIG, declara a nulidade da decisión da Seaga e o dereito das e dos brigadistas a gozar das vacacións e asuntos propios do 2020 íntegras e sen descontos”.

Comentarios