TSXG condena a factoría de PSA Citroën de Vigo pola non conciliación laboral e familiar

CUT fala de “sentenza histórica” e afirma que a factoría de Citoën terá que aplicar “as novas medidas de conciliación que recoñecen o dereito a conciliar sen reducir a xornada laboral”.

Citroen PSA
photo_camera Unha operaria en Citroën

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) recoñece o dereito dunha operaria da factoría de PSA Citroën en Vigo a elixir unha xornada laboral de segunda a sexta feira de 10:00 a 14:00 horas para conciliar a vida laboral e familiar. Unha sentenza “histórica”, afirma a CUT, sindicato que presentou a demanda.


Esta central explica que a traballadora demandante precisaba “por conciliación” estar adscrita á quenda de maná e cun horario fixo de 10:00 a 14:00 horas mais a empresa non atendeu esa petición. A empresa, indica a CUT, botou man do acordo de xornada asinado por varios sindicatos e “obrigou a traballadora a escoller un dos horarios de dito acordo, en horarios rotativos de 06:00 a 12:00 e de 16:00 a 22:00 ou fixo de 12:00 a 16:00 horas”.


A resolución do TSXG recolle o dereito individual da traballadora a escoller o horario sen ter que acreditar neste caso se a parella, avós ou terceiros están dispoñíbeis para o coidado do seu fillo. Acredita ademais que son os pais os que deben velar polos seus fillos co que necesariamente ten que poder conciliar a súa vida laboral. “A empresa non achegou ningún dato que permitira afirmar que o horario solicitado supuxera algunha imposibilidade ou lle fora especialmente gravoso”.


CUT afirma que a falla de conciliación actual leva a un aumento do absentismo derivado dos riscos psicosociais, provocado pola ausencia de mecanismos efectivos de conciliación. “As administracións públicas outorgan a esta empresa numerosos premios e subvencións polas supostas boas practicas desta empresa no ámbito da conciliación laboral, familiar e persoal, sen ningún control efectivo do cumprimento da lei”.


Polo tanto as administracións teñen que ser vixiantes nestes aspectos. Esta sentencia, conclúe o sindicato, “pon en xaque” que o sistema de conciliación existente en PSA Vigo (6-4-6) e negociado cos sindicatos sexa o único para conciliar a vida laboral e familiar.

Comentarios