Trinta e seis días en folga e contra a indiferenza de Defensa

A última nómina que cobraron foi a de agosto, aínda que os retrasos veñen sucedéndose, con poucas excepcións, practicamente desde que a firma gañou o concurso, en maio de 2013.

Cleanet
photo_camera [Imaxe CIG]

Láianse, e non lles falta razón, da escasa repercusión mediática que está a ter a súa loita. As 54 traballadoras de Cleanet, a empresa adxudicataria do servizo de limpeza nas instalacións militares de Ferrol –e tamén de Marín e Figueirido, así como doutros puntos do Estado-, levan xa 36 días en folga por mor dos impagos. A última nómina que cobraron foi a de agosto, aínda que os retrasos veñen sucedéndose, con poucas excepcións, practicamente desde que a firma gañou o concurso, en maio de 2013, ante a sorpresa de moitos. 

O feito de ter facturado o exercicio anterior apenas tres millóns de euros chamou a atención das grandes empresas españolas do sector e tamén dos sindicatos, que non entendían como unha compañía destas dimensións puido facer cunha contrata de 12 millóns de euros. “Aquí hai algo que cheira moi mal”, sinala o portavoz da Federación de Servizos da CIG en Ferrol, Fernando Balsa, que sospeita de que esta adxudicación pode tratarse dun caso de corrupción.

Todos os días desenvolven algún acto de protesta diante dalgún dos accesos ao Arsenal militar de Ferrol

A realidade é que, a día de hoxe –o vindeiro xoves sumarán xa tres meses sen cobrar-, a situación das traballadoras de Cleanet é insostíbel. Todos os días desenvolven algún acto de protesta diante dalgún dos accesos ao Arsenal militar de Ferrol, onde moitas delas desempeñaban até hai un mes e unha semana o seu traballo con normalidade. 

A resposta das autoridades do recinto, que recibiron en varias ocasións o comité de folga, foi “pedir respecto” para o momento do “arriado da bandeira”, un acto que se realiza en todas as instalacións e buques da Armada española todos os días cando sae o sol. Tamén apostaron infantes de Marina nos accesos semipúblicos do recinto –onde está localizada a escola infantil da Armada e o Museo Naval- para evitar que as traballadoras ocupasen o recinto. 

E é que, nesta altura, está nas mans do Ministerio de Defensa a resolución do problema, que pode rescindir o contrato por incumprimento grave. Segundo fontes sindicais, o Ministerio foi pagándolle puntualmente á empresa, mais esta non fixo o propio coas traballadoras; porén, os mandos do Arsenal si terían obrigado a varios mariñeiros a realizar labores de limpeza nas instalacións, orde que motivou unha denuncia dos tres sindicatos con representación no comité de empresa –UGT,CIG e CCOO- cuxo xuízo se ía celebrar esta mañá mais que finalmente se adiou ao venres. 

Comentarios