A traxectoria profesional contaralle ao persoal interino da Xunta

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) estima a demanda que presentou a CIG contra a resolución da Dirección Xeral de Xustiza para implantar un sistema de carreira profesional do persoal ao servizo da Administración de Xustiza, que excluía o persoal interino. 
Interior dos xulgados de Fontiñas, en Compostela (Nós Diario).
photo_camera Interior dos xulgados de Fontiñas, en Compostela (Foto: Nós Diario).

A demanda da CIG para que se recoñecera o dereito do persoal interino á traxectoria profesional foi estimado polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). A sentenza non afecta ao persoal titular que xa cobra a traxectoria, tal e como o especifica o propio Tribunal.

A central nacionalista presentara un recurso contra a resolución da Dirección Xeral de Xustiza, do 30 de xuño de 2020, pola que se fixera público o acordo do Consello da Xunta, alcanzado en xuño entre a Administración galega e as organizacións sindicais SPJ-USO, UXT e CCOO para implantar un sistema de carreira profesional do persoal ao servizo da Administración de Xustiza, que excluía o persoal interino. 

Substitución dos artigos anulados

A Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG que estimou a demanda e anulou as disposicións impugnadas pola CIG, considera que son contrarias a dereito.

Declara que o persoal funcionario interino pode participar na traxectoria profesional deseñada pola resolución do 30 de xuño e obriga ademais á Administración galega a substituír os artigos anulados por outros.

Nestes novos debería fixarse o dereito do persoal funcionario interino da Administración de Xustiza da Galiza a participar no sistema de traxectoria profesional en igualdade de condicións que o persoal funcionario de carreira, así como o seu dereito para acceder aos réximes ordinario e extraordinario de acceso aos distintos graos do sistema. 

Reforza outras sentenzas

A CIG-Xustiza considera que esta sentenza reforza outras moitas xa ditadas por distintos xulgados de todo o país, en demandas individuais do persoal interino afiliado á CIG, nas que se condena á Administración galega a tramitar as súas solicitudes presentadas e que no seu día lles foron denegadas por non ser funcionarios de carreira. 

A través dun comunicado critican a postura doutros sindicatos que "asinaron o acordo de implantación da traxectoria profesional que, de maneira intencionada e para contentar á Administración, os excluíron do acordo".

Ademais denuncian que nalgúns casos quixeron remedialo pedindo que recorresen e ofrecéndolles os seus servizos xurídicos.

Comentarios