venres 14/08/20

Transportistas das Pontes camiñaron “por unha transición xusta”

Un centenar de transportistas de carbón das Pontes realizaron o último tramo da ruta xacobea, unha acción coa que reivindican unha transición "xusta" para a comarca após o anuncio do feche da central de Endesa.
Un centenar de transportistas das Pontes percorren o último tramo do camiño reclamando unha transición xusta (Imaxe: Europa Press).
Un centenar de transportistas das Pontes percorren o último tramo do camiño reclamando unha transición xusta (Imaxe: Europa Press).

Este sábado, 18 de xaneiro, ás peregrinas que se animaron a percorrer a ruta xacobea en inverno atopáronse polo camiño decenas de transportistas do carbón, que marcharon desde Arca, no termo municipal do Pino, até Santiago de Compostela. Con esta acción os traballadores reivindican unha "transición enerxética xusta" para a comarca das Pontes, após o anuncio do feche da central térmica de Endesa.

Até un centenar de traballadores, agrupados na Asociación do Colectivo de Transportes do Carbón (ACTC) saíron de Arca ás 10 horas; percorreron a pé os vinte quilómetros que separan a vila de Compostela e, antes de chegar á praza do Obradoiro, fixeron unha parada ante o edificio da Xunta da Galiza en San Caetano. Alí foron recibidos polo director xeral de Enerxía, Bernardo Tahoces, e polo delegado provincial da Xunta, Ovidio Rodeiro, con quen mantiveron un encontro de media hora.

A súa saída, o voceiro deste colectivo, Manuel Bouza, explicou que os representantes da Xunta trasladaron "todo" o seu apoio aos transportistas. Ademais, no encontro fixaron unha data para a constitución dun "comité de crise" para abordar o futuro da planta de Endesa nas Pontes. A cita terá lugar o vindeiro 22 de xaneiro no edificio administrativo de San Caetano. Para rematar unha xornada marcada polas fortes choivas, os traballadores chegaron até a praza do Obradoiro onde culminaron a súa protesta.

comentarios