Máis de 200 transportistas marchan na Coruña para exixir a dimisión "de todo o Goberno" polo seu "absentismo"

Os convocantes do paro do transporte permitirán esta cuarta feira sacar o leite envasado das fábricas leiteiras para os seus almacéns, mais "non para a venda ao cliente", xa que os gandeiros son "o punto máis débil" da cadea alimentaria.
Transportistas percorreron as rúas da Coruña esta terza feira (Foto: Europa Press).
photo_camera Transportistas percorreron as rúas da Coruña esta terza feira (Foto: Europa Press).

Máis de 200 transportista, segundo fontes da Policía Local, percorreron esta terza feira as rúas da Coruña a pé desde o porto até a delegación do Goberno estatal, onde deixaron uns folletos nos que solicitan a "dimisión" de "todo" o Executivo estatal por "absentismo e pasotismo".

Así o manifestou durante a marcha o presidente da Asociación coruñesa de empresarios do transporte (Ascentra), Antonio Siñarís. Os traballadores solicitan ao delegado do Goberno que "insista" ao seu Executivo para que reciba "todo este colectivo". "É recibilo, non é negociar", resaltou Siñarís, quen afirma que o que están a demandar son mellores condicións laborais.

"Pedimos a dignificación do noso sector porque leva abandonado moitos anos por parte de todos os gobernos", sinalou, e engadiu: "O deste Goberno xa é crítico".

O portavoz dos manifestantes sinalou que están a abrir "un pouco a veda" aos sectores máis críticos. O sábado e domingo pasados, abriron unha xanela ao cereal para que os animais puidesen ter alimentos. Esta segunda feira permitiron a saída de "30 camións" da lonxa para poder sacar peixe do porto da Coruña porque era unha "necesidade básica", debido a que "xa non caben nin na beneficencia nin nos vertedoiros".

Actualmente, hai unha xanela de 48 horas para a saída de lodos das depuradoras das sete grandes cidades galegas para evitar unha "crise sanitaria", relata Siñarís, ao afirmar que a Xunta pediu "unha solución" porque "estaban a empezar" a perder augas fecais.

A respecto da recollida de leite, Siñarís anunciou que esta cuarta feira "durante as 24 horas" permitirán sacar o leite envasado das fábricas leiteiras para os seus almacéns, "non para a venda ao cliente", para que os gandeiros poidan seguir recollendo o produto porque son "os máis prexudicados economicamente" por seren o punto "máis débil" da cadea alimentaria.

En relación a sector agrogandeiro que esta segunda feira manifestaba sentirse "refén" da situación, Siñarís foi contundente: "Aquí non hai secuestrado ninguén, non hai reféns". Afirma que "o que queira saír pode ir traballar", pero destacou que todos os autónomos teñen dereito a facer un paro e non poden "obrigar os clientes" a traballar.

300 camións e 40 taxis colapsan Lugo

Máis de 300 camións e 40 taxis colapsaron esta terza a Rolda da Muralla, na cidade de Lugo, nunha protesta no marco do paro do transporte. Durante a mañá, desde a Avenida da Coruña incorporáronse os transportistas á Rolda da Muralla mentres facían soar as súas bucinas e eran aplaudidos por veciños ao seu paso.

Tamén os taxistas se sumaron, uns 40, que deixaron claro que isto tamén lles afecta "moitísimo". "É salvaxe o que repercute no día a día e non só a nós, senón a toda a sociedade en xeral", sinalou o taxista Luís Castro.

Comentarios