As tractoradas mantéñense mentres a UE anuncia que non haberá subidas no prezo

Lugo alcanza o sexto día coa muralla rodeada por 1.500 tractores. Compostela dirixe o protesto ás áreas comerciais. O Consello de Ministr@s da UE anuncia subvencións mais non un incremento nos prezos, como reclaman @s gandeir@s.

IMG_1827
photo_camera Tractorada en Compostela [Imaxe O.R.]

A produción láctea na Galiza mantén dous focos de presión na súa loita por uns prezos "dignos" e "xustos" para o leite. En Lugo cóntanse por media ducia as xornadas nas que os tractores rodean a muralla e en Compostela, no segundo día de tractorada, os vehículos agrarios manteñen colapsada a Avenida de Lugo --unha das principais vías da cidade-- e diríxen o protesto cara ás centrais de distribución (Día e Carrefour). Asemade, rodearán o edificio da Xunta en San Caetano. 

Neste senso, segundo recolle o diario dixital Campo galego, a policía ameaza con sancións @s gandeir@s concentrad@s ás portas do Centro Comercial As Cancelas a instancias da dirección do mesmo. Por outra banda, a central de distribución do Día atópase bloqueada, non entran nen saen camións. 

Senllas asembleas decorridas onte (7 de setembro) acordaron manter até a quinta feira (10 de setembro), no mínimo, os tractores nas rúas. Porén, @s gandeir@s advirten que non cesarán até conseguiren un prezo mínimo. 

A UE anuncia 500 millóns en axudas que procederán das multas cobradas ás explotacións por sobre-produción

A UE desoe as reivindicacións

Así as cousas, o Consello de Ministr@s de Agricultura da UE, reunid@s onte en sesión extraordinaria, avanzou que non intervirán para mellorar o valor do leite en orixe e que se limitarán a estabelecer unha liña de axudas económicas (até 500 millóns). Un diñeiro que procederá das multas por sobre-produción que a UE cobra ás propias explotacións, correspondentes a este último ano. 

Así mesmo, e como xa avanzara a Consellaría de Medio Rural, a UE abre a porta a adiantar até o 70% dos fondos da PAC. Porén, @s gandeir@s lembran que moitas das explotacións xa solicitaron o adianto ás entidades financeiras perante a falta de liquidez. 
 

Comentarios