POR VOLTA DE 5.000 VEHíCULOS NA TRACTORADA

A tractorada bloquea as principais rúas de Compostela: "Non marchamos até que haxa prezo xusto"

As principais rúas da capital de Galiza bloqueadas por centos e centos de tractores na primeira xornada dunha mobilización que se mantén até a quinta feira e podería se converter en "indefinida", advirten os produtores. E gandeir@s mantéñense en Lugo, onde permanecen desde o 3 de setembro.

IMG_1818
photo_camera [Imaxes O.R.]

As tractoradas poderían tornarse en indefinidas se os gobernos español e galego, mais tamén os demais representantes da cadea de valor (industria e distribución) non alcanzan un acordo para fixar un prezo mínimo en orixe para o leite. Así o manifestaron @s gandeir@s concentrad@s en Compostela e @s que se manteñen en Lugo desde o pasado día 3 de setembro. 

Na capital de Galiza, máis de 5.000 tractores segundo a organización -800 para a Subdelegación do goberno español-, procedentes de diferentes comarcas do país, ateigaron as principais vías e arterias para mandar unha clara mensaxe: "Non imos parar até conseguir un prezo xusto para o leite". Malia os prexuizos e molestias que poideran causar as retencións e cortes de tráfico, a postura da veciñanza compostelá foi clara: aplausos ao paso dos tractores.

Se ben en principio van ser tres días de tractorada, sindicatos e produtores non descartan que de non haber acordo e solución para un probloema que afoga milleiros de explotacións, a protesta tornarase "indefinida". E, a maiores, hai quen avanza que podería conxugarse cunha greve de entrega de leite.

As explotacións lácteas que continúan mobilizadas na cidade amurallada fixeron público un documento co que remitirán as súas principais demandas á Consellaría de Medio Rural "perante a grave situación" que, din, veñen "soportando" por mor dos "abusos das industrias" o que sitúa "a maior parte das explotacións en risco de fechamento ou desaparición". 

Destarte, demandan, "a constitución da mesa do leite na que se garanta a participación directa dos gandeiros produtores" así como a creación da "figura de mediador/árbitro gratuíto". 

Aliás, exixen sexan declarados nulos "os contratos variábeis e os contratos abusivos asinados na actualidade que non cubren os custos de produción"; "que se garanta a recollida de cobro do leite, así como a sinatura e cumprimento de contratos que garantan a cobertura dos custes mínimos de produción existentes en cada momento".

Exixen a anulación dos contratos "variábeis" e "abusivos" asinados e a "cobertura dos custes mínimos de produción existentes en cada momento"

Asemade, reclaman que se estabeleza un "prezo mínimo que garanta a cobertura dos custes de produción" fixados actualmente, sinalan, en "0,34 €/litro + calidades + IVE". Valor que será "revisábel anualmente", acrecentan. 

Tamén así demandan a creación dunha "mostra lacrada" con "mostra para o gandeiro" e máis para o Ligal ao tempo que se supriman as "sancións desproporcionadas por mostras que non cumpren os requisitos legais, implantando un sistema de sancións puntuais e proporcionadas que non impliquen a paralización das explotacións". 

A asemblea de gandeir@s constituída en Lugo acordou manter a mobilización, cando menos, até a quinta feira en que sexan valorados os acordos adoptados polo Consello de Ministros, sinalan. Porén, non descartan prolongala se as decisións adoptadas por Madrid e Bruxelas non satisfacen as demandas das explotacións lácteas. 

Comentarios