mércores 20/10/21

Traballo e sindicatos acordan aumentar 15 euros o salario mínimo

O Ministerio e os sindicatos fecharon esta quinta feira un acordo para unha suba do salario mínimo do que se desmarca a patronal.
A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, en presencia dos representantes sindicais de CCOO e UXT, Unai Sordo e Pepe Álvarez (Foto: Alejandro Martínez / Europa Press).
A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, en presencia dos representantes sindicais de CCOO e UXT, Unai Sordo e Pepe Álvarez (Foto: Alejandro Martínez / Europa Press).

O Goberno español e os sindicatos CCOO e UXT alcanzaron un acordo para subir o salario mínimo interprofesional (SMI) en 15 euros, até os 965 euros mensuais repartidos en 14 pagas, con data de efecto do 1 de setembro para, xa en 2022, elevalo até os 1.000 euros.

Os 15 euros que subirá o SMI este ano estarían dentro da pinza de aumentos de 12 a 19 euros que expuxo o Ministerio de Traballo na negociación, seguindo as recomendacións do comité de persoas expertas que analizou a senda pola que debería transitar esta renda mínima para cumprir co compromiso do Executivo de levala até o 60% do salario medio en 2023, un obxectivo que na Galiza leva tempo reclamando a CIG.

A proposta dos sindicatos estatais, pola súa banda, situaba o aumento nesta nova revisión entre os 25 e os 30 euros este ano, aínda que se mostraron abertos a aceptar unha suba menor se o Goberno español comprometíase a situar o SMI en 1.000 euros mensuais en 2022, premisa que tamén formaría parte do acordo. 

Esta mañá, a vicepresidenta primeira, Nadia Calviño, sinalaba que o acordo aínda non estaba fechado e avogaba por  "deixar que sigan as conversas", puntualizando en todo caso que a suba faríase efectiva "na última parte do ano". 

Recuperación xusta

Non foi a única resposta desde o Goberno estatal a un anuncio de acordo que se filtrara xa de mañá. A ministra de Industria, Reyes Maroto, pronunciouse a este respecto para lamentar que a patronal ─CEOE e Cepyme─ se teña descolgado desta proposta para incrementar o SMI xa que, defendeu, blindar  este pacto con todos os axentes sociais sería unha boa maneira de "redistribuír a riqueza". 

Con todo, valoraba como "unha boa nova" o achegamento de posturas entre o Ministerio de Traballo e os sindicatos, xa que  a recuperación "ten que ser xusta neste momento no que é máis sólida", indicou Maroto.

"Creo que o diálogo do Goberno coa patronal é bo. Temos que buscar consensos. Lamento que non se chegase a acordo con todos os axentes sociais. Tivera sido unha boa maneira de redistribuír a riqueza que xeramos" e así "non deixar a ninguén atrás", insistiu a ministra.

Na mesma liña, o sindicato UXT  sinala que "a recuperación non pode asentarse sobre o aumento da desigualdade e a pobreza laboral", polo que instou o Executivo estatal a subir "sen demora" o salario mínimo, sobre todo após coñecer os datos da enquisa trimestral de custo laboral publicada onte polo INE que, ao seu xuízo, "demostra a necesidade de actuar de maneira urxente para aumentar as rendas das persoas traballadoras".

Pola súa banda, desde CCOO, o seu secretario xeral Unai Sordo remarcou que "neste momento non hai un acordo fechado en materia de SMI". "Estamos a falar, estamos a negociar e as propostas de CCOO xa se coñecen", explicou.

A patronal defende que non é o momento

Tamén é coñecida a postura da parte empresarial. Tanto CEOE como Cepyme levan semanas amosando a súa oposición a esta medida, xa que consideran que "non é o momento" de aumentar os custos laborais, pois a economía española está aínda nos inicios da recuperación e a creación de emprego podería verse danada.

Neste sentido, Cepyme publicou esta semana un estudo, en colaboración con Randstad, no que advertía de que situar o salario mínimo en 1.000 euros mensuais no 2022, cun aumento de 19 euros en 2021 ─catro euros máis do acordado─, podería destruír entre 60.000 e 130.000 empregos até 2023.

comentarios