"O traballo das redeiras foi moito tempo invisíbel mais sen nós, os barcos non poderían ir ao mar"

Geli Martínez é redeira. Leva traballando no porto de Cangas desde os 17 anos e coñeceu este oficio da man da súa nai cando apenas era unha nena. As condicións de traballo coas que comezou foron mudando con anos de loita mais agora adoece, de novo, pola falla dun relevo xeracional. 

Redeiras-de-Malpica

O conflito da frota do cerco non se cinguía só aos mariñeiros das máis de 100 embarcacións que faenan nesta arte. Moitas mulleres viron perigar os seus postos de traballo por mor dun reparto da cota "inxusto" para Galiza, mais poucas veces se ollou para elas, embora tomaren parte en todas as mobilizacións. Ao igual que aconteceu ao longo da súa historia o oficio das redeiras tornábase invisíbel entre as cargas policiais e a confrontación dos mariñeiros. Porén, ducias de familias en toda a costa galega viven aínda da arte de confeccionar e arranxar redes. 

Geli Martínez, é unha delas. Redeira, de Cangas, leva desde os 17 anos "amañando" as redes da frota do cerco. Conversamos con ela sobre o seu oficio mais tamén sobre o sector do mar. 

Cantos anos leva sendo redeira?
[Ri]. Non sei... levo moitos. Comecei moi nova coa miña nai. Con 12 anos xa ía ao porto, porque miña nai é redeira. Aí foi o meu comezo. Con 17 anos xa me dediquei por completo á rede.

O oficio de redeira ensínase de xeración en xeración?
Si, hai bastantes redeiras que as súas nais o foron antes. Ou algún coñecido. Teño compañeiras que por teren amizade comigo comezaron tamén na rede. Unha persoa que non coñecese ese mundo é raro que entrase. 

Como mudou?
A diferenza é que era moito máis duro. Traballabamos á intemperie sempre. Non tiñamos nave e sempre traballabamos no peirao. Estabas á chuvia, ao frío... os invernos tamén eran moi duros. Era máis difícil. Agora temos a nave. Antigamente había tamén moitas máis redeiras e os barcos tiñan máis servizo. No noso grupo fomos até 20 mulleres. Ao haber tantas, se non había moito traballo, ás veces tiñamos que quedar na casa. Mais unha das grandes diferenzas é que antes non estabamos aseguradas. Era un traballo totalmente invisíbel. 

"No noso grupo fomos até 20 mulleres. Ao haber tantas, se non había moito traballo, ás veces tiñamos que quedar na casa"

Esa foi unha das grandes loitas das redeiras, o seguro?
Había un médico cando eu era máis nova que me preguntaba a profesión, eu dicíalle 'redeira' e non sabía o que era. E estouche falando de Cangas, un porto de mar. Agora todo o mundo nos coñece. Ese foi o primeiro paso, darlle visibilidade e despois tentar ter traballo diario, que as redeiras sexan profesionais. Agora temos traballo diario, polo menos as do cerco, porque hai que diferenciar...

Depende das artes...
Nós somos as do cerco, as que traballamos os aparellos que van á sardiña, o xurelo, a xarda... Eses que estiveron na rúa agora, sabes? Pois as deses barcos somos nós. Logo están as de artes menores ou de enmalle e que xeralmente están á deriva. E logo as do apalangre, que traballan cos anzós. Diferenciámonos en tres grupos. Tamén hai as do arrastre que traballan os aparellos de fondo. 

Un dos maiores problemas do oficio é a falta de relevo xeracional?
Si, totalmente. Agora é moi difícil que a xente aprenda. Para comezar porque é moi difícil aprender, precísanse moitos anos e ao comezo non gañas nada. En calquera oficio, vas a unha academia mentres que aquí se aprendía polo xeral, no propio posto de traballo. Para as rapazas é algo duro botar tempo traballando sen gañar nada. Imaxino que iso será un dos motivos. 

Coida que pode perigar o oficio de redeira?
Si, coido que si. Desde a Federación de redeiras sempre se loitou por unha cualificación profesional, que hoxe en día temos. Para que non se ensinase o oficio nos peiraos senón nun centro de formación, onde aprender o que precises, así é moito máis doado. Mais eses cursos até que xuntan un grupo mínimo de persoas, non se realizan. Hai un conxunto de dificultades que dá motivo a que non haxa relevo xeracional. 

E se desaparecen as redeiras, quen arranxa as redes?
[Ri] Pois non sei... mais hai que ter en conta que as redeiras non só arranxamos redes senón que facemos os aparellos. Por porche un exemplo é como unha camisa. A ti danche a tea mais ti tes que confeccionala. Un barco sen redeiras, non sei como farán para ir ao mar. 

Falábame ao comezo do conflito na frota do cerco, como viviron vostedes esas semanas?
Asistimos ás manifestacións e apoiámolos totalmente pois se eles non van ao mar nós tampouco. A nós afectábanos por igual, se eles desaparecen, desaparecemos nós. Estamos unidos. 

"Galiza ten que defenderse como país, saber que tes e como defendelo"

Págase ben o traballo das redeiras?
Non, págase fatal. Hai diferenzas en función do porto mais estase pagando a 6,50 a hora. É barato pois trátase dun traballo moi especializado que aliás devén en moitos problemas de saúde. Sobre todo problemas de reuma, pola humidade, porque os aparellos veñen do mar e están completamente mollados. Nós sentamos riba deles. Tamén temos problemas musculares, polos movementos repetitivos. Por iso desde a Federación loitamos polo adianto na idade de xubilación, por todas as doenzas que temos. 

Nos últimos anos tomades parte en mostras e exposicións onde amosades o voso traballo, podería ficar algún día o oficio de redeira só niso?
Para iso terían que desaparecer os barcos e o certo é que o mar nunca tivo apoio. Galiza depende moitísimo do mar, hai moita xente que vivimos del e realmente non ten o apoio que debera ter. No caso do cerco quedou reflexado. Parece mentira que nós que temos tantas embarcacións, desde o propio goberno deberiase ir por diante e non agardar a que nos fagan unha proposta e dicir que si. Galiza ten que defenderse como país, saber que tes e como defendelo. Non hai un interese real por defender o mar e que poidamos seguir vivindo del. Sempre desde unha pesca sostíbel, que é a que eu defendo, mais que poidamos desenvolver un traballo que dá de comer a moitas familias.

Comentarios