A "unión" e a "solidariedade" obrigan a unha empresa a readmitir dous bombeiros despedidos

A mobilización e resposta social polo despedimento de dous bombeiros de Santa Comba obriga a Natutecnia, empresa concesionaria do Parque Xallas-A Barcala, a readmitilos e tomar en conta as demandas dos traballadores na negociación do convenio colectivo.

bombeiros2
photo_camera [Imaxe cedida]

Inmersos nun conflito pola negociación do convenio colectivo dous bombeiros de Santa Comba, Alberto e Moisés foron despedidos pola empresa concesionaria, Natutecnia, como parte dunha "estratexia para que asinasemos" unhas condicións laborais "inxustas", sinalan os seus compañeiros. E é que despois de 8 meses de loita na defensa dos seus dereitos laborais, os dous traballadores foron despedidos logo de os acusaren desde a dirección de Natutecnia de non cumpriren coas súas obrigas perante un incendio orixinado nas propias cocheiras do parque.

"Eles estaban de garda e de madrugada alguén prendeu lume a uns neumáticos" no interior das instalacións, explica Alex Lema, representante do Parque de Bombeiros Xallas-A Barcala e integrante do Sindicato Independente de Bombeiros de Galiza (SIBGAL). "Foron apagalo o máis rápido que puideron", porén, "como estamos en conflito", acrecenta, "a empresa despediunos".

Un despedimento "inxusto" para frear as demandas dos traballadores

Para os seus compañeiros e a mesa intersindical, o despedimento era "inxusto" e "ilegal" pois os dous traballadores "prestaron declaración perante a Garda Civil esa noite, antes mesmo de que a empresa presentase unha denuncia", conta Lema. Para as centrais sindicais, non cabía dúbida de que a decisión adoptada por Natutecnia respondía a unha medida de presión que procuraba inclinar o proceso de negociación do convenio en favor da concesionaria,  polo que decidiron botar a andar unha campaña de apoio e solidariedade nas redes sociais á fin de exixiren a readmisión de Alberto e Moisés.

"Estamos certos de que foi unha estrataxia da empresa para que asinasemos un convenio inxusto"

"Estamos certos de que foi unha estrataxia da empresa para que asinasemos un convenio inxusto", subliña Alex Lema en conversa con Sermos Galiza. Unha medida que viña acompañada doutras para desmobilizar os bombeiros en folga. Natutecnia, apunta Lema, fixou uns descontos salariais por día de folga "abusivos" que oscilan "entre os 180 e 250 euros" dun salario "de mil euros". O obxectivo, apuntan os traballadores do Parque "é que a xente non secundara a folga". Cuestión que entenden contraria aos dereitos dos traballadores polo que foi presentada unha denuncia nos xulgados. "Ao contrario do que di a empresa na imprensa, a denuncia continúa adiante e non a imos a retirar", acrecenta Alex Lema.

Readmitidos mais sancionados

En 10 días a campaña de solidariedade encetada polos bombeiros de Santa Comba remexeu as redes sociais e obtivo repercusión mesmo noutros parques de bombeiros galegos --como o de Carballo-- e estatais --Canarias. A "unión" dos seus compañeiros e "a solidariedade" amosada por ducias de persoas deveu finalmente no anuncio da readmisión de Alberto e Moisés, que lles foi comunicada o 28 de maio por Natutecnia. Iso si, cunha sanción de dous meses de emprego e soldo polos feitos acontecidos.

"Non é xusto que sexan sancionados por recuperar o seu posto de traballo"

Para as centrais sindicais esta decisión é, doutra volta, "inxusta" embora supor unha "solución" para os dous traballadores. "Non é xusto que sexan sancionados por recuperar o seu posto de traballo" tendo en conta, explica Lema, "que son vitimas" dun conflito pois "eles non fixeron nada". No entanto, para os bombeiros de Santa Comba esta é unha boa nova e para Alberto e Moisés "un alivio" froito do "valor dos compañeiros" e da "unión e solidariedade" amosada por numerosas persoas.

Coa readmisión dos dous traballadores re-iniciáronse as negociacións polo convenio colectivo, unhas conversas nas que semella a concesionaria estaría disposta a aprobar as demandas dos bombeiros que exixen o pagamento do 100% do seus salario nas baixas de corta duración e/ou por enfermidade común.

Comentarios