“Traballamos en Inditex e non chegamos a fin de mes”. Amplo seguimento da terceira xornada de greve en Bershka

Seguimento absoluto ao paro nesta cadea de Inditex na provincia de Pontevedra, convocado contra a discriminación laboral.

DNP9JshWkAArLoZ

Tres xornadas de greve e tres xornadas de seguimento absoluto. O paro indefinido das traballadoras de Bershka na provincia de Pontevedra fechou as tendas da empresa do grupo Inditex nesa provincia: Vigo, Pontevedra e Vilagarcía. “Traballamos en Inditex e non chegamos a fin de mes” é unha das palabras de orde das empregadas nesta loita. CIG-Servizos pide que a patronal acepte negociar as diferentes condicións de traballo existentes entre o persoal das distintas provincias galegas. Algo que afecta a aspectos referentes á xornada laboral, pluses e retribucións, permisos e excedencias, lactancia, vacacións e incapacidade permanente.

A greve, ademais, implica accións solidarias, como accións de compra e devolución en tendas do grupo Inditex, o que levou aos responsábeis de un P&B a chamar a Policía, segundo CIG.

As traballadoras da provincia de Pontevedra piden que se lles apliquen as melloras logradas en provincias como a da Coruña, o que permitiría rematar coa discriminación laboral tanto entre as distintas marcas do grupo téxtil (Bershka e Kiddy's Class de Pontevedra foron as únicas que se negaron a pactar as melloras) como entre as empregadas fixas eventuais.

Comentarios