O persoal de Siemens Gamesa sae á rúa por carga de traballo

Preto de 200 persoas manifestáronse este sábado nas Somozas para esixir á multinacional Siemens Gamesa que aposte no centro produtivo e evite a súa deslocalización
Manifestación dos traballadores e das traballadoras de Siemens Gamesa nas Somozas (Foto: Europa Press).
photo_camera Manifestación dos traballadores e das traballadoras de Siemens Gamesa nas Somozas (Foto: Europa Press).

Os traballadores e as traballadoras da factoría que Siemens Gamesa ten no concello das Somozas, dedicada á fabricación de pas para aeroxeradores, sairon este sábado ás rúas da localidade para esixir á multinacional que acometa novos investimentos para poder fabricar novos modelos e evitar así a súa deslocalización.

A mobilización, na que participaron unhas 200 persoas, estaba encabezada por unha pancarta que rezaba 'Non á deslocalización - Non ao feche - Máis investimentos', partiu ás 12 horas desde as instalacións da factoría no polígono industrial, e finalizou unha hora máis tarde ante o Concello, onde se deu lectura a un manifesto.

O presidente do comité de empresa, Sergio López, foi o encargado de dar lectura ao texto, no que reclamou a continuidade da empresa na comarca de Ferrolterra, incidindo en que "non pode alegar nada" sobre o traballo do cadro de persoal. Sempre cumpriron "con todo o que se lles reclamou". "O único que poden facer é recoñecer a súa calidade e capacitación", incidiu.

Segundo explicou, o Concello das Somozas ofreceu á empresa 60.000 metros cadrados de terreo para poder ampliar as instalacións, modificar a estrada para permitir o transporte das pas, e investimentos en I+D+i por parte da Xunta. "Pero Siemens Gamesa non quixo aceptar a oferta e agora din que non somos competitivos, a dirección só nos quere dar largas", lamentou López.

Os traballadore veñen alertando desde 2018 da necesidade de traer "novos modelos", dado que o actual ─SG-114, de 57 metros de longo─ xa leva en fábrica sete anos. Desde a parte empresarial xa se lles trasladaron que non teñen previsto "confiar novos modelos nin investimentos" ás Somozas, onde só teñen comprometida carga de traballo até mediados de decembro

Comentarios