martes 29/09/20
Viveiro acolle o domingo unha mobilización en defensa do emprego

Os traballadores non se fían de Alcoa

As negociacións entre Alcoa e Liberty House van aos poucos. Mentres a multinacional estadounidense afirma estar estudando unha proposta de compra do grupo británico, os traballadores urxen unha solución que garanta o emprego na factoría de San Cibrao (Cervo). O domingo retoman as mobilizacións cunha protesta en Viveiro.
No centro, o presidente do Comité de Empresa de Alcoa, José Antonio Zan, no día de hoxe. (Foto: Europa Press)
No centro, o presidente do Comité de Empresa de Alcoa, José Antonio Zan, no día de hoxe. (Foto: Europa Press)

Os contactos entre Alcoa e Liberty van con atraso a respecto do calendario acordado. Malia que as condicións pactadas entre ambas as compañías fixaban como remate da primeira fase de negociacións o 31 de agosto, as conversas seguen nese punto, moi condicionadas polo futuro da planta de alumina. A este respecto, Alcoa manifestou desde o primeiro momento a súa negativa de venda, mais Liberty chegou a formular unha oferta pola mesma e actualmente busca un contrato de subministro en termos preferentes.

As diferenzas entre ambas as compañías non impiden que sigan negociando. Segundo manifestou hoxe Alcoa, no marco da mesa multilateral que agrupa a Xunta da Galiza, o Goberno do Estado e os sindicatos, Liberty vén de pór riba da mesa unha oferta que a multinacional estadounidense está estudando. Non se coñecen os detalles concretos da mesma. Porén semella que as relacións entre a planta de alumina e de aluminio ocupan un lugar chave. Ao tempo, a representación dos traballadores non acaba de fiarse de Alcoa -a quen consideran interesada en fechar o centro de traballo-, e agardan por unha xuntanza coa dirección de Liberty, prevista para a vindeira cuarta feira en Madrid.

As dúbidas sobre a posición de Alcoa e a viabilidade do complexo centraron a asemblea decorrida no mediodía de onte na factoría de San Cibrao. A este respecto, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, instou Alcoa “a deixar de pór trabas” á venda da fábrica a outros grupos interesados na súa explotación e dispostos a manter emprego. Engadiu que “estamos nunha negociación na que percibimos que se comezan a achegar posturas” e “malia que cada un conta a súa versión, a única saída que hai é a venda”. Ao tempo, reprochou a Alcoa a súa intención de asinar un contrato de subministro de alumina por un “prazo de 5 anos” fronte aos “20 anos” que reclama Liberty.

Os traballadores e as traballadoras quentan motores e preparan a súa volta á rúa. O domingo Viveiro acolle a primeira protesta após Alcoa amosar a súa disposición a paralizar a negociación do ERE para buscar un acordo. O comité de empresa repartirá cascos de traballo de Liberty entre os asistentes.

A pelexa por alumina

Alumina é unha das dúas factorías que conforman o complexo industrial de San Cibrao. Propiedade de Alcoa e da multinacional australiana Westminer Acquisition, ocupa máis de 500 traballadores e estase convertendo na chave das conversas. A negativa de Alcoa a asinar un contrato de longa duración para o seu uso con Liberty aumenta as dúbidas sobre as intencións reais da compañía estadounidense.

comentarios