Traballadores de Navantia marchan contra a inactividade do estaleiro

Malia as promesas dos gobernos de Madrid e da Xunta, a subactividade mantense no 70% do plantel. 

Navantia3
photo_camera [Imaxes CC.OO]

Esta terza feira (8 de xullo) os operarios do estaleiro público volveron saír á rúa para exixiren carga de traballo. Nunha marcha a pé desde o estaleiro até a rotonda do Alcampo denunciaron a inactividade do centro de traballo ao que a Xunta de Alberto Núñez Feijóo e o goberno de Rajoy prometeron a construción dun Buque de Acción Marítima que aínda está por formalizar. 

Até o momento non se desenvolveron as medidas interministeriais precisas para comezar a construción do buque, denunciou Ignacio Naveiras, voceiro do comité de empresa. Desde as centrais sindicais coidan que non será posíbel iniciar o pedido en 2014 e denuncian que actualmente o 70% do plantel se atopa en subactividade cunha única encomenda, a construción do flotel. Algo, advirten, insuficiente para manter o estaleiro. 

Asemade, criticaron con dureza a "desorganización e ralentización total" dos traballos que impediron xerar a estas alturas emprego algún na industria auxiliar. 

Durante o seu protesto os operarios prenderon lume a ducias de neumáticos que ergueron intensas columnas de fume negro, unha fórmula coa que tradicionalmente procuran facer visíbel o conflito do sector. 

Comentarios