Os traballadores de Navantia esixen explicacións á dirección polo desvío de bloques do flotel

Perto de dous milleiros de traballadores ocuparon durante aproximadamente media hora o Taller de Elaborados do estaleiro.

Protesta3


Perto de dous milleiros de traballadores do plantel principal de Navantia Ferrol ocuparon durante aproximadamente media hora o Taller de Elaborados do estaleiro para protestar pola decisión da dirección da compañía de desviar á factoría de Puerto Real, en Cádiz, a construción de oito bloques do flotel para Pemex. Os operarios quixeron así manifestar que "temos capacidade dabondo para facer o flotel", sinalou o secretario do comité, Lito Blanco, quen lembrou que nos últimos anos "construímos simultaneamente dous LHD para a Marina australiana, que supón a mesma carga de traballo que seis floteis".

Nestes intres só 200 persoas da industria auxiliar están a traballar en Novas Construcións
 

Blanco criticou que o desvío de traballo cara ás factorías do sur pode provocar o efecto contrario que busca a dirección de Navantia, no sentido de que "oito bloques non lles van solucionar nada no sur e se poden signficar algo, iso será un retraso nos prazos do proceso construtivo, pois agora haberá que volver acopiar materiais e posteriormente traer os bloques de volta para os ensamblar en Ferrol". O portavoz do comité opinou asimesmo que a empresa está a levar adiante unha estratexia para xerar división entre os centros e se ben lembrou que hai precedentes na distribución de traballo entre as factorías galegas e mais do sur, non ten xeito ningún, sinalou, "que se queira facer xusto agora, cando o presidente de Navantia asegurou que se ía asinar o contrato para a construción dun gaseiro para Gas Natural en Puerto Real". "Dá a sensación", engadiu Blanco, "que debe de estar en risco o tal buque".
 
A plantilla de Navantia proseguirá a vindeira terza feira as mobilizacións para esixir un cambio de rumo na dirección da empresa e a paralización da nova organización interna, ben como máis carga de traballo, hoxe claramente insuficiente. Blanco lembrou que nestes intres só 200 persoas da industria auxiliar están a traballar en Novas Construcións e que do buque de acción maritima (BAM) anunciado na precampaña das elección europeas "non se sabe nada".

Comentarios