Os traballadores dos museos científicos da Coruña van á greve após anunciarlles a concesionaria un ERE

A empresa, Samyl, non asumirá outra prórroga do servizo da concesión, que caducou hai tres anos.

Domus Concello da Coruña
photo_camera Imaxe: Concello da Coruña

Os traballadores dos museos científicos da Coruña (Casa das Ciencias, a Casa dos Peixes e a Casa do Home (Domus), protagonizarán no mes de abril varias xornadas de greve, así como paros parciais noutros días e concentracións perante o Concello, a quen piden que actúe “con urxencia e eficacia”.

A empresa concesionaria, Samyl non vai asumir ningunha prórroga máis do servizo, polo que iniciará a negociación dun ERTE de suspensión de contratos para todos os traballadores. Samyl xa comunicou á representación social a súa intención de promover un expediente temporal de suspensión de contratos, que afectará ás 31 traballadoras.

Samyl rematou a concesión hai tres anos e dende entón o Concello da Coruña instou a empresa a continuar co servizo, xa que os concursos licitados nestes anos quedaron desertos ao non concorrer ningunha empresa. “Isto é así porque o Concello se nega a incrementar o prezo do servizo e as empresas consideran que a cantidade económica estabelecida non chega para cubrir as prestacións solicitadas”, indican nun comunicado, no que denuncian a pasividade do Concello da Coruña que non ten achegado ningunha solución,

O pasado día 22 de marzo rematou o prazo previsto polo Concello da Coruña para a recepción de ofertas e licitudes para a adxudicación pública da contrata, quedando por cuarta vez deserto ao non presentarse ningunha empresa.

A representación do persoal informa que ten solicitadas reunións de urxencia coa Concellaría de Cultura e co Alcalde da Coruña para buscar unha solución. “Porén, a xuntanza co goberno municipal non se producirá até o próximo día 6 de abril”.

Comentarios