Traballadores contra incendios forestais demandan a fin da precariedade laboral e un servizo público e profesionalizado

Atrifoga comprende máis de 400 traballadores públicos do servizo de incendios de Medio Rural. Teñen un contrato ‘blindado’ de 3 meses máximo e fican fóra do convenio colectivo. Unha precarización que vai da man, denuncian, da progresiva privatización do servizo.

[Imaxe: @BrifLaza] Incendio
photo_camera Imaxe: @BrifLaza

Todos os anos, na temporada de alto risco de incendios en Galiza, cando se producen os combates máis duros contra as lapas,  xogan un papel determinante centos de traballadores que se implican a fondo nunha loita nada doada. Máis de catrocentos destes traballadores veñen, a finais do ano pasado, de agruparse en Atrifoga, a Asociación de traballadores de incendios forestais de Galicia. Son operarios de diferentes categorías (de brigadas heli-transportadas a vixiantes fixos, condutores de motobombas ou emisoristas) que optaron por constituír esta asociación e fano en torno a dúas cuestións básicas e cansos do “desamparo legal fronte á administración”. Por unha banda, ter contratos dignos, superando a actual situación de precariedade. Por outro, achegar o grao de area para reverter o proceso de privatización da loita contra o lume e pular por un “servizo de incendios único e público” en Galiza.

Luís D. González, membro de Atrifoga, explica que os seus contratos son de tres meses como máximo, limitados aos meses de verán. “Non se nos permite facer substitucións o resto do ano, nin realizar traballos de prevención”, comenta en conversa con Sermos Galiza. Isto limítaos, afirma, a acceder a diversos subsidios de paro, algúns plans formativos, para alén de ficar excluídos do Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta.

Privatización

Esta situación prodúcese nun escenario de progresiva privatización da loita contra os incendios. “Neste sector hai empresas privadas que contratan xente por períodos de 6 meses mais nós, que somos empregados públicos non podemos facelo máis de tres”, denuncia. Explica que non están a pedir ningún favor nin privilexio.  “As siglas do servizo, SPDCIF, inclúen a palabra prevención, porque iso tamén é loita contra incendios, mais a consellaría só se centra na extinción”.  De asumir en serio a prevención, manteñen desde Atrifoga, iso reduciría os incendios e as súas consecuencias. Ademais, de se tomar a serio a administración a prevención, iso permitiría ampliar o contrato destes traballadores máis alá dos 3 meses de verán. Prolongaríase así os meses de traballo destes operarios ao tempo que se diversificarían as súas tarefas e se realizaría unha acción contra os incendios máis eficaz e baseada na prevención.

Estes argumentos xa llos expuxeron á conselleira de Medio Rural nunha xuntanza. “Amosou boa disposición”, afirma Luís D. González, “mais por agora foron so palabras”. Teñen pendente outra xuntanza.

“Hai traballadores que levan case 20 campañas nesta situación”, lamenta. Defende que no colectivo hai experiencia e profesionalidade e que unha correcta estratexia contra os incendios forestais implica actuar todo o ano e non só cando se producen os incendios. Para iso a mellor ferramenta é un servizo público e único, sostén. É neses marcos, indica González, onde colle sentido a súa petición de prolongación dos contratos a nove meses anuais e ter así a consideración de fixo discontínuo.

Comentarios