Os traballadores gañan a batalla a Inditex en Suíza

A transnacional do téxtil indemnizou os operarios galegos que denunciaron a súa explotación laboral na remodelación da sede central de Zara en Zurich (Suíza). 

Unia

Inditex tivo que pagar finalmente os salarios adebedados aos traballadores e unha indemnización polo incumprimento da lexislación laboral nunha das súas obras en Zurich (Suíza). Este foi o final dun conflito que se alongou semanas e que tivo paralizada a remodelación da sede central de Zara na cidade suíza. 

Desde o sindicato Unia coidan que embora "a cantidade non representar nada" para o maior imperio téxtil do mundo "Inditex tivo que pregar ás nosas demandas". Así se manifestou en conversa con Sermos Galiza, Xosé Abelenda, integrante do sindicato Unia.

Após paralizar durante dúas semanas a obra e froito de longas negociacións, Goa Invest --empresa 100% participada polo grupo Inditex e responsábel da contratación dos operarios galegos-- aceptou pagar os máis de 370.000 euros adebedados aos obreiros en concepto de salarios atrasados e suministrar unha doazón de 123.000 euros a unha ONG a modo de indemnización. 

Inditex asume desta maneira a súa responsabilidade nas condicións laborais dos operarios galegos que traballan na remodelación dunha das súas tendas en Zurich. "A unidade fai a forza", apuntan desde Unia ao tempo que salientan "é importante que estes grandes grupos non son intocábeis" e que "as leis están para cumprilas". 

Os operarios da construción percibían salarios inferiores aos fixados polo convenio colectivo suízo que rexe as relacións laborais entre a empresa de Arteixo e os traballadores --na súa maioría galegos. 

Comentarios