martes 24/11/20

Tres traballadores despedidos por promover eleccións sindicais nunha empresa de Teo

CIG denuncia a “actitude irracional” de Tarlogic no que é, afirma, unha vulneración "do dereito á liberdade sindical do persoal".

A empresa tecnolóxica Tarlogic, de Teo, vén de despedir tres traballadores ao coñecer que estaban promovendo eleccións sindicais e que pretendían presentar unha candidatura da CIG. É a denuncia que fai o sindicato nacionalista. “Dáse a casualidade de que un deles acababa de pasar a ser indefinido e que a argumentación da empresa para xustificar o seu despedimento, e o dos seus compañeiros, foi “perda de confianza”, sinala a central nun comunicado

CIG explica que os traballadores informaron directamente á empresa da súa intención de elixir unha persoa representante e mesmo convocaron unha xuntanza con Recursos Humanos, que informou á dirección. “Aos dous días de celebrarse unha asemblea coa CIG foi cando Tarlogic procedeu a comunicarlles o despedimento fulminante”.

A empresa, sinala o sindicato, mesmo ofreceu indemnizacións aos traballadores por despido improcedente. “Ofrecéronlles os cartos para que calaran e non reclamaran o despedimento”, explica Renato Núñez, representante da CIG.

“Aos dous días de celebrarse unha asemblea coa CIG foi cando Tarlogic procedeu a comunicarlles o despedimento fulminante”

Aínda nestas circunstancias o persoal de Tarlogic decidiu seguir adiante coa convocatoria de eleccións sindicais “e presentar unha candidatura da CIG composta por 12 persoas para elixir un só delegado, apoiando así aos compañeiros despedidos”.

A CIG denuncia a actitude “irracional” da empresa que “opta pola represión contra un grupo de traballadores que simplemente buscaban elixir unha persoa representante do conxunto do cadro de persoal”.

A central sindical lembra que a empresa está vulnerando o dereito á liberdade sindical do persoal.

comentarios