Os traballadores de Alu Ibérica exixen á Xunta que se posicione sobre a venda

O comité de empresa da planta da Coruña reclama información sobre o proceso de venda e unha reunión da mesa industrial.
Protesta dos traballadores de Alcoa na Coruña (Europa Press).
photo_camera Protesta dos traballadores de Alcoa na Coruña (Europa Press).

A pasada cuarta feira saltaba a sorpresa. Cando aínda non se cumprira un ano da compra das factorías de Alcoa da Coruña e Avilés (Asturias) por parte de Parter Capital, o fondo de investimento suízo anunciaba a venda da maior parte das súas accións en Alu Ibérica á firma valenciana Grupo Industrial Riesgo.

A operación, da que o Goberno español afirma "non ter coñecemento", salvo "contactos" con Parter a finais de febreiro nos que o fondo informou de "xestións con futuros socios para reforzar o capital e desenvolver proxectos vindeiros de investimento", non sentou nada ben en Asturias, onde o conselleiro de Industria, Enrique Fernández, asegurou recibir a nova "con sorpresa e certo malestar".

O motivo de dito incomodo é que ningunha das partes que asinaron o acordo para a continuidade da actividade industrial da antiga Alcoa e o mantemento do emprego con vixencia de dous anos tiña información desta operación, tal e como afirmou o conselleiro asturiano.

Neste senso, Fernández considera que a operación "dalgunha maneira se propuxo por baixo da mesa" de aí que xerase "incertezas e preocupacións" que confía que se resolvan "xa non en días, senón en horas". "Os acordos están para cumprilos e todas as partes alí presentes adquirimos de boa fe un compromiso. Se hai un acordo firmado hai que pedir ás partes que se cumpra", sentenciou.

Silencio da Xunta

Nesta liña, o presidente do comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña, Juan Carlos López Corbacho cualifica de "inaudito" o acordo para a venda de 74,9% de Aluholdings, a sociedade que controla as plantas. 

En declaracións a Nós Diario, o representante sindical critica a falta de información en todo o proceso. "Non son as formas nin os tempos", sinala mentres tamén reclama un posicionamento por parte da Xunta que, como lembra, "tamén foi parte activa nas negociacións para a compra das plantas a Alcoa". 

Desde o comité xa solicitaron ao Ministerio de Industria a reunión da mesa industrial para tratar esta operación. "Quen ten que cualificar se é licito ou non, non somos nós", sinala. O que non lle cadra a ninguén é que agora tome o control das plantas unha firma que "para Alcoa non valía" cando as puxo en venda o pasado ano.

Comentarios