Os traballadores de Alcoa piden unha "fronte común" Xunta-Estado para manter o emprego

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao mantivo unha reunión co conselleiro de Economía, Francisco Conde, na que pediu á Xunta que faga "fronte común" co Goberno estatal en defensa do emprego.

EuropaPress_3181091_francisco_conde_reune_forma_telematica_comite_alcoa_san_cibrao (1)
photo_camera Francisco Conde, reunido telematicamente cos traballadores de Alcoa (Foto: E-P).

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao mantivo unha reunión co conselleiro de Economía, Francisco Conde, na que pediu á Xunta que faga "fronte común" co Goberno estatal en defensa do emprego.

En declaracións logo do encontro, o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, explicou que se trasladou a necesidade de que o Goberno galego e o Estado traballen “na mesma dirección" para unha saída "óptima" e "estábel" desta situación.

Por iso, demandan da Xunta que "apoie ao Goberno en calquera medida que poida tomar" para garantir "o cento por cento" dos postos de traballo, "incluída a intervención -se chegase o momento- antes de parar as cubas electrolíticas, o que sería a morte da planta".

Así, insistiuse na necesidade de alcanzar un prezo da enerxía "competitivo" respecto ao resto de Europa, mentres se empraza á Xunta a que achegue "investimentos" para a fábrica.

Previamente, o comité reuniuse coa dirección de Alcoa para reclamar que paralice os 534 despedimentos anunciados para a planta de aluminio, á espera da mesa multilateral que se celebrará o vindeiro martes a partir das 18.30 horas para abordar o futuro da planta.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, emprazou nun Parlamento sen Feixoo ao Goberno español a que estabeleza un marco enerxético que achegue "estabilidade" e "competitividade" á produción na Mariña coa posta en marcha dun "plan de reactivación" para o sector electrointensivo que empregue os 140.000 millóns do fondo europeo destinados á reactivación da economía tras a pandemia.

Comentarios