Traballadores de Alcoa mobilízanse en Lugo en defensa do emprego

A protesta dos operarios de Alcoa continúan. Se ao longo desta semana mantiveron encontros con diversas formacións políticas para recadar o seu apoio, este sábado 14 concentraranse fronte a subdelegación do goberno de Lugo para achegar as  súas demandas ao executivo do Estado. Os resultados das vindeiras poxas eléctricas e o estatuto das grandes consumidoras condicionan o seu futuro.
19-11-01_ManifestacionAlcoa_Viveiro_001 (1)
photo_camera Manifestación en Viveiro en defensa de Alcoa.

O sábado 14 de decembro os traballadores da factoría de Alcoa en San Cibrao convocan unha nova mobilización diante da subdelegación do goberno de Lugo en defensa da planta de aluminio. A protesta, que se suma a outras anteriores realizadas en Viveiro, Xove, Cervo Burela e Foz, conta co apoio da totalidade dos concellos mariñáns, que puxeron autobuses gratuítos para facilitar a asistencia á concentración, así como das forzas políticas, patronais e sindicais.

Alcoa representa 30% do PIB de Lugo

O comité de empresa chamou á manifestación ao conxunto da cidadanía lucense, sinalando que “todo Lugo debe defender a súa industria, xa que é un motor fundamental para que o estado de benestar poida funcionar, para que teñamos hospitais, colexios ou pensións”. Os representantes sindicais, significan con esta convocatoria, que a empresa representa máis de 30% do PIB de Lugo, por volta de mil cen empregos directos e outros tantos indirectos e unha incidencia decisiva no conxunto da actividade económica da zona.

Os locais sindicais da factoría acolleron ao longo desta semana xuntanzas entre o comité de empresa e representantes das forzas políticas. A rolda de contactos comezou a terza feira, coa presenza en San Cibrao dunha delegación do BNG encabezada por Ana Pontón e Néstor Rego, onde os dirixentes nacionalistas afirmaron o seu compromiso cunha solución ao problema da enerxía.

Un prezo da electricidade trinta euros superior  ao de Franza

A portavoz nacional do BNG Ana Pontón, ao remate da xuntanza, non dubidou en declarar aos medios que “Se Sánchez quere ser presidente e quere ter o voto do BNG ten que haber unha solución para Alcoa e para todas as electrointensivas, porque depende única e exclusivamente de que haxa vontade política”. Pola súa banda, Néstor Rego, voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, sinalou que esta cuestión xa foi formulada polos nacionalistas nas súas xuntanzas co PSOE para conformar goberno.

A quinta feira, Luca Chao, representante de Podemos e deputada de Común da Esquerda, após reunirse coa representación sindical fixo “un chamamento claro ao goberno en funcións para que se comprometa a regular o prezo da enerxía para conseguir a estabilidade que a industria do aluminio precisa”.

Un posíbel ERE en Alcoa para comezos de 2020

A preocupación non deixa de medrar entre os traballadores da factoría e o conxunto da sociedade da Mariña. A esta altura dan practicamente por descontado un ERE para comezos de 2020 , coincidindo cun novo recorte da produción na factoría de aluminio. Na mesma liña, amósanse convencidos que o estatuto para os grandes consumidores eléctricos en fase de aprobación definitiva “non deixará contento a ninguén”, ficando moi lonxe dos obxectivos marcados pola dirección da empresa de  situar a enerxía en 24 % do custo  total da actividade.

Temor pola continuidade da factoría

As fontes sindicais consultadas por Sermos Galiza cuestionan a viabilidade da factoría co actual prezo da enerxía. Neste sentido, o presidente do comité de empresa Alcoa San Cibrao, Xosé Antonio Zan, manifestou que “agora mesmo estamos nun  prezo da electricidade que é trinta  euros superior  ao de Franza, de xeito que de estar situada neste país a factoría aforraría 105 millóns neste gasto”. Na mesma liña, destacou que “ co prezo que tiñamos con anterioridade, de entre os 35 e os 40 euros/megavatio, podiamos competir con países como Francia ou  Alemaña, aínda cun gasto máis alto. Pero agora non podemos suplir unha baixa de 30 euros de diferenza”

As dubidas sobre a continuidade da Alcoa son cada día maiores. "Non pedimos sequera a equiparación con países como Noruega ou Alemaña, senón algo moito máis accesible como a  equiparación cos países veciños, porque senón esta empresa non vai aguantar moito máis e marchará a algún deses países, o que supoñerá un enorme fracaso",  afirmou Zan. Neste sentido, algunhas fontes sindicais, amósanse convencidos da intención da multinacional de botar o feche, argumentando razóns de orde conxuntural e sobre todo estrutural.

Comentarios