Traballadores de Alcoa cortan a A-8 en defensa dun futuro para a factoría

Centos de traballadores de Alcoa, arroupados polos compañeiros doutras fábricas de aluminio primario do Estado español, cortaron onte a autovía que une Galiza con Asturias para pedirlle á multinacional norteamericana para que acceda á venda das instalacións de Cervo ao grupo Liberty House.
Corte da A-8 por parte de traballadores de Alcoa (Foto: Nós Diario).
photo_camera Corte da A-8 por parte de traballadores de Alcoa (Foto: Nós Diario).

Os traballadores da planta de Alcoa en San Cibrao, no concello de Cervo levaron a cabo onte unha nova acción reivindicativa coa que pretenden meter presión á multinacional norteamericana para que feche a venda ao grupo británico Liberty Home. A acción consistiu, como xa o fixeran hai meses, no corte con barricadas da autovía A-8, que conecta Galiza con Asturias, á altura da ponte dos Santos, en Ribadeo, para exixir unha solución que garanta o futuro da fábrica da Mariña, a que viven centos de familias.

En declaracións aos medios, o presidente do comité de empresa da factoría, José Antonio Zan, valorou o feito de recibir "bastante apoio"para esta acción, e máis tendo en conta que esta nova mobilización decorreu en día laboral.

Segundo explicou, entre eses apoios, que sumaron unhas 600 persoas, estaba o dos traballadores das factorías da firma de aluminio Aludium de Amorebieta e Alacante, o que pon en valor o papel que xogan as factorías de aluminio primario no Estado español que, como lembrou Zan "son moi importantes" para as que o transforman.

Avance das negociacións

Respecto do avance das negociacións entre a multinacional norteamericana Alcoa e Liberty House, Zan recoñeceu que seguen á espera "dun acordo xeral", aínda que ambas as partes recoñecían nas últimas semanas as diferenzas existentes aínda nas súas respectivas pretensións, un feito que desde o comité atribúen á escasa vontade da actual propietaria de facilitar unha solución para a planta que pase pola venda das instalacións. 

A protesta, que se suma á que levaron a cabo na muralla de Lugo hai uns días, prodúcese en vésperas dunha nova xuntanza da mesa de seguimento na que os traballadores esperan que tanto a Xunta como o Goberno do Estado exerzan un papel activo na mediación entre as partes para garantir que a venda das instalacións de Cervo e, polo tanto, o mantemento do emprego e da actividade industrial na zona, sexa "un éxito".

Comentarios