Traballadores de Alcoa, chamados á folga indefinida

Case un millar de profesionais das plantas de alúmina e aluminio da fábrica de Cervo están convocados a unha folga indefinida a partir deste domingo, 4 de outubro.
Traballador de Alcoa nunha manifestación (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Mobilización dos traballadores de Alcoa (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A decisión adoptárona por unanimidade a pasada terza feira en asemblea, tras o fracaso das negociacións entre a empresa e Liberty House para vender a factoría e despois dunha mesa sen acordo entre a multinacional e o comité de empresa, que acusa de "mala fe" no proceso á compañía estadounidense.

Así, o colectivo de traballadores intensifica as súas protestas após varias semanas de mobilizacións con cortes de tráfico e concentracións como a desta mesma semana ás portas da factoría, onde queimaron pneumáticos e un cartel da empresa.

O comité de empresa de Alcoa en Cervo asegurou que impedirán que saia unha soa “pinga” de aluminio da fábrica mentres non haxa un achegamento de posturas coa multinacional. O obxectivo é que a folga afecte á saída do produto para evitar que a empresa siga facendo negocio co aluminio mentres os seus postos estean no aire, pero que nin as cubas de electrólise nin a outra planta paren.

Xornada intensiva até o 31 de decembro

A pasada terza feira, o comité instalou senllas carpas ás portas das instalacións da factoría e avisou de que permanecerán aí "as 24 horas do día" con persoal do comité e representantes das empresas auxiliares. Non van dar o brazo a torcer. A súa intención é reducir o persoal e que o que se produza non saia da fábrica.

Este sábado, o cadro de persoal de Alcoa fico público un comunicado no que censuran o calendario imposto "unilateralmente" pola empresa, prolongando a xornada intensiva ata o 31 de decembro, e a apertura do comedor en tres fase, pero sen determinar os criterios da súa posta en marcha.

O comité de empresa denuncia que ambas as dúas medidas son "unha demostración máis de mala fe" dos patróns, xa que deixa en evidencia que tiñan previsto pechar a planta a finais de xullo e non contaban que se chegase a esas datas coa fábrica en produción.

Comentarios