Os traballadores de Alcoa anuncian unha próxima mobilización "moi potente"

Miles de persoas maniféstanse en San Cibrao para "seguir dando a batalla" e con lemas como "SEPI traidora, A Mariña non perdoa".

EuropaPress_3795176_varias_personas_participan_concentracion_convocada_comite_empresa_alcoa
photo_camera Concentración deste domingo en San Cibrao (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O comité de empresa de Alcoa manifestouse este domingo, 20 de xuño, na Praza dos Campos de San Cibrao, en Cervo, onde se reuniron entre tres mil e catro mil persoas ─segundo cifras do presidente do comité, Jose Antonio Zan─ para continuar reivindicando "unha solución viábel para Alcoa".

Zan dixo que van "seguir dando batalla" e mostrouse "moi contento" coa convocatoria, así como co estado de ánimo dos manifestantes.

"A xente está moi animada, con gana de dar batalla, moi conscientes de que o Goberno debe cumprir co pactado", en referencia á non intervención no proceso de compra da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), comunicada polo secretario xeral de Industria, Raúl Blanco, nas últimas semanas.

Tanto é así, que Zan confirmou a celebración doutra manifestación, "proximamente e moi potente", tal e como se anunciou na concentración de San Cibrao deste domingo.

"Se non hai solución, Goberno dimisión"

A organización repartiu panos co lema "Salvemos a industria electrointensiva" e fíxose referencia ministra española de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto. "Se a ministra non quere facer o que se lle manda, que marche para a súa casa", manifestou a comitiva.

Con lemas como "SEPI traidora, A Mariña non perdoa" ou "se non hai solución, Goberno dimisión", os manifestantes volveron demandar un compromiso claro e firme por parte do Goberno do Estado que facilite a venda de Alcoa.

"Temos a industria necesaria, temos tres grandes firmas interesadas na compra; o único que nos fai falla é que o Goberno cumpra coa súa palabra. O sector ten futuro, non se poden botar atrás cando estamos chegando á meta", explicaron.

Comentarios