Traballadoras e traballadores do naval ferrolán reclaman carga de traballo

O cadro de persoal da empresa e as empregadas das compañías externas que traballan para os estaleiros de Ferrol e Fene fixeron unha acción simbólica pendurando os seus buzos no perímetro do complexo.

O sector naval da comarca de Ferrol volveu saír hoxe á rúa para reivindicar o mantemento do emprego e, polo tanto, exixir ás autoridades que negocien para que Navantia poida ter carga de traballo.

Os estaleiros de Ferrol e Fene, cun cadro de persoal xa moi reducido con respecto aos bos tempos polas moitas reconstrucións que padeceu o sector e, ultimamente, polas prexubilacións aceleradas daquelas operarias e operarios maiores de 61 anos, están moi tocados.

Por iso, e vendo como se presenta o futuro no caso de que non haxa traballo, tanto o persoal da factoría como o das empresas auxiliares (que son moitas) fixeron unha protesta para reclamar un traballo que lles permita seguir traballando.

Como noutras ocasións no pasado, a xente saíu ao perímetro dos complexos industriais para pendurar dos fechamentos os seus ‘buzos’, ou roupa de faena, dando visibilidade ao conflito laboral que viven.

Malia que en espírito estaba practicamente a totalidade do cadro de persoal interno e externo, a acción estivo protagonizada só por unha vintena de delegados sindicais dadas as circunstancias do risco para a saúde.

Un pouco antes de botar man deses ‘buzos’ cos que traballan e que teñen unha clara significación na comarca de Ferrolterra, a representación acudiu ao Consistorio ferrolán para deixar no balcón a pancarta co lema “Investimento en Navantia = Emprego na comarca. Carga de traballo xa”.

Entre outras cuestións, veñen reclamando a construción do agardado dique cuberto, ademais de novos contratos. Polo de agora hai unha única obra en carteira para a Armada australiana. E se non hai faena, haberá despedimentos nas auxiliares.

Comentarios