As traballadoras de H&M secundan a folga en todas as cidades

Éxito do paro en H&M co feche de todos os estabelecementos. A CIG reclama a recolocación de todas as traballadoras e senón, 45 días por 42 mensualidades.

2021-05-08_folga_H&M_Corunha004
photo_camera Imaxe da concentración do sábado das traballadoras de H&M no centro comercial Marineda, na Coruña. (Foto: Nós Diario)

A área de Servizos do sindicato Confederación Intersindical Galega (CIG) salientou este domingo o éxito total da folga convocada nas tendas H&M, onde fecharon todos os estabelecementos comerciais no territorio galego.

A secretaria nacional, Transi Fernández, lembrou que o sindicato reclama a recolocación de todas as traballadoras, e no caso de isto non se produza que se lles paguen 45 días por 42 mensualidades.

Ademais, CIG-Servizos demanda que, se a empresa abre algunha nova tenda nas cidades onde foron despedidas estas traballadoras, sexan elas as primeiras en entrar.

O persoal de H&M foi á folga na xornada de onte para rexeitar o ERE (Expediente de Regulación de Emprego) presentado pola empresa transnacional sueca do sector téxtil.

No caso da Galiza, unicamente dúas das oito tendas que H&M ten no territorio (Pontevedra e Compostela) quedarán, polo momento, libres das consecuencias deste ERE.

Noutros tres estabelecementos están previstos despedimentos e modificacións das condicións de traballo (en Lugo, en Vigo-Gran Vía e na Coruña-Marineda), mentres que outros tres fecharán definitivamente (o de Vigo-Príncipe, o de Ferrol e o de Ourense-Paseo).

Sen participación galega

“Se a todo isto lle sumamos que os sindicatos CC.OO (Comisións Obreiras) e UXT (Unión Xeral de Traballadores), fieis aliados da empresa, impediron, en base á lexislación do Partido Popular (PP) que segue vixente para os ERE, a participación dos sindicatos que a nivel estatal non acadamos a representación necesaria, encontrámonos que unha parte moi significativa das traballadoras de H&M non vai ter nin voz nin voto na mesa de negociación no período de consultas”, critica a CIG.

Por estas razóns, as empregadas de H&M, xunto coa CIG, acordaron a convocatoria destas xornadas de folga. Unha medida de presión coa que as traballadoras queren reclamar que o ERE se negocie por territorios e non a nivel estatal.

“Non podemos consentir que multinacionais que teñen ganancias multimillonarias, e que seguiron gañando nos peores tempos do confinamento, xoguen de maneira tan inxusta e cruel coas nosas vidas e cos nosos salarios”, afirman.

Comentarios