As ex traballadoras de GEA volven protestar na Coruña

O colectivo de ex traballadoras e ex traballadores do Grupo de Empresas Álvarez (GEA) volveu esta quinta feira á Coruña, coincidindo coa vista previa da demanda civil presentada contra Inversiones Subel, a causa dos 2,5 millóns de euros que ten pendentes de pagar pola compra dos terreos que a antiga fábrica de louza ocupaba en Vigo.
Traballadoras de GEA na Coruña
photo_camera Traballadoras de GEA esta quinta feira na Coruña.

Durante a vista na Audiencia Provincial da Coruña, desde o colectivo de afectadas solicitouse como proba testemuñal a comparecencia de Rafael Iglesias, que participou en todo o proceso de negociación da venda, así como do avogado de Subel que no seu momento retirou os cartos que a empresa depositara no xulgado. "Aínda que existe proba documental desa retirada queremos que testemuñe e explique que se fixo con ese diñeiro", sinala Marcos Conde, secretario comarcal da CIG de Pontevedra que hoxe acompañou ás traballadoras. 

Pola súa banda, Subel pretendía evitar a declaración de Iglesias (pola súa condición de secretario comarcal da CIG de Pontevedra cando se negociou coa empresa). Mais a xuíza aceptou incorporar o seu testemuño ao proceso. O xuízo oral quedou fixado para o 28 de xaneiro.

"Agardamos que este sexa o final dun procedemento civil que dá continuidade ao procedemento laboral iniciado hai moitos anos por estas traballadoras e traballadores para cobrar o que lexitimamente lles corresponde", asevera Conde. De media, cada persoa ten pendente de recibir uns 30.000 ou 40.000 euros, xa que do total da débeda contraída por GEA só cobraron as cantidades do FOGASA. 

Antecedentes

A inmobiliaria de Subel, propiedade de Luis Fernández Somoza adquiriu hai xa máis dunha década parte dos terreos que ocupaban as instalacións de GEA en Cabral e Coruxo (Vigo). Estas parcelas correspóndense co 25% dos terreos que lle tocou xestionar á CIG logo de que o Grupo de Empresas Álvarez pechase no ano 2001 sen pagarlle os salarios e as  indemnizacións ao seu persoal. Subel ingresou unha parte do valor industrial, pero ás afectadas aínda lles resta por percibir (segundo o pactado entre ambas partes) a diferenza até o valor total que adquiriron os terreos logo de seren recualificados como urbanos.

A CIG calcula que a contía pendente de pago é de 2.5 millóns de euros. Na fase de venda dos terreos, o empresario depositou 3.2 millóns de euros no xulgado que logo deu orde de retirar. Subel negouse despois a negociar “para dilatar o conflito de maneira indefinida”, denuncia Conde. 
 

Comentarios