UNHA MULLER TEN QUE TRABALLAR 11 ANOS MáIS QUE UN HOME PARA PERCIBIR A MESMA PENSIóN

As traballadoras galegas perciben 5.332 euros menos de salario que os homes

A fenda salarial no noso país é do 24,7% segundo un estudo publicado por UGT. 

Traballadora

As diferenzas salariais entre homes e mulleres aumentaron após o estourido da crise económica en 2008. Así o reflicte o estudo publicado por UGT e intitulado 'Traballar igual cobrar igual'

Segundo este informe en Galiza a diferenza entre os soldos que perciben eles e elas no mesmo posto de traballo e con igual nivel de formación é do 24,7%. É dicir, 5.332,54 euros brutos ao ano. Neste senso, fronte aos 22.059,69 euros brutos anuais que percibe un traballador de media ao ano as traballadoras obteñen unha remuneración de 16.727,17 euros. 

Este feito obriga as mulleres a traballar 79 días máis cada ano para obteren a mesma remuneración económica que os varóns e a prolongar a súa vida laboral durante 11 anos máis que eles para percibir a mesma pensión de xubilación. Destarte, mentres unha muller precisa 46 anos e medio de cotización, un home precisa tan só 35. 

As mulleres teñen que traballar 11 anos máis que os homes para percibiren igual retribución por xubilación

Segundo os dados recollidos no estudo da UGT a fenda salarial sitúa o Estado español, e Galiza, nos limiares de 2002 o que supón un grave retroceso en termos de igualdade. Esta realidade agudizouse após o estourido da crise económica. A combinación de ambas as dúas variábeis, crise e desigualdade, tradúcese en "menos mulleres traballadoras" --as taxas de desemprego atinxen máis a elas-- e unha "maior fenda salarial". 

A precariedade laboral agrava, aliás, a tendencia. Neste senso, as traballadoras con contrato a tempo parcial atinxe o 75% das mulleres no conxunto do Estado español, isto é, unha de cada catro traballadoras. No seu caso, "nunca perciben salarios que superen os 11 mil euros brutos ao ano", afirman desde UGT. 

Por sectores, a fenda salarial faise máis grande no ámbito científico, actividades administrativas e auxiliares e actividades sanitarias e servizos sociais, onde a diferenza dos salarios supera o 30% a nivel estatal. 

Comentarios