Traballadoras de Correos protestan en Santiago contra o "recorte de servizos"

Os empregados tamén lamentaron "o precario mantemento na frota de vehículos de correos", así como "o mal funcionamento dos sistemas informáticos nas oficinas e na repartición, que se bloquean acotío xerando colas e queixas nos usuarios".
Traballador de Correos na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela. (Foto: Europa Press)
photo_camera Traballador de Correos na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela. (Foto: Europa Press)

Delegados da CIG en Correos concentráronse esta cuarta feira diante do edificio da entidade na rúa do Franco, en Santiago de Compostela, para denunciar a supresión do rexistro de Santiago, o último que quedaba na Galiza, e polo "recorte de servizos".

Os sindicalistas lembraron que "o rexistro é unha canle de comunicación entre empresa e traballadores", polo que, "agora, para dirixirse ou tramitar de forma oficial calquera solicitude, deberán gastar o diñeiro nun envío por procedemento administrativo", o que "discrimina" o persoal na Galiza

Tamén denunciaron que "o recorte de servizos, debido á falta de contratación", verase "agravado este verán".

Tal e como explicou John Vivanco, responsábel nacional do sector, "a empresa escúdase na baixada do volume de traballo e tamén na dificultade de realizar contratos coa reforma laboral. Escusas para non cubrir as prazas vacantes, nin contratar por baixas, vacacións ou por calquera outra circunstancia".

Precariedade laboral

Segundo Vivanco, o resultado é que hai "barrios sen repartir e carteiros multiplicándose por varias seccións de repartición coa consecuente diminución na calidade do servizo".

Fronte a isto, criticou que Correos "gasta centos de miles de euros en propaganda duns servizos de banca, pago de tributos ou venda de produtos, entre outros, que logo non se poderán realizar por falta de persoal e nalgúns casos tamén pola falta de produtos nas oficinas".

Os empregados tamén lamentaron "o precario mantemento na frota de vehículos de correos", así como "o mal funcionamento dos sistemas informáticos nas oficinas e na repartición, que se bloquean acotío xerando colas e queixas nos usuarios".

Vivanco cuestionou "o exceso de xefaturas". "Cada vez son máis en comparación ao número de postos base", afirmou, "recentemente nomearon outros mil postos de xefatura, co que xa van perto dos 10.000".

En canto a retribucións económicas, o colectivo de traballadores e traballadoras de Correos tamén sofre "unha considerábel perda de poder adquisitivo" que se acumula, neste caso, desde 2011, con conxelacións salariais e subidas por debaixo do IPC.

Comentarios