As traballadoras de Bershka apelan á mediación do Consello galego de relacións laborais

Fan 8 xornadas de greve. “Temos a moral máis alta ca nunca”, afirman.

DNP9JshWkAArLoZ

Oito xornadas de greve de Bershka na provincia de Pontevedra e o seguimento continúa a ser total. “Temos a moral máis alta ca nunca”, recoñece Transi Fernández (CIG), que atende a chamada de Sermos Galiza mentres participa nun acto das traballadoras desta marca de Inditex no centro comercial Gran Vía de Vigo. “Está non nós Ana Miranda [representante do BNG en Bruxelas], que falou da posibilidade de levar este tema perante a Unión Europea”. En concreto, sería perante o Comisario de Economía comunitario. 

O que as traballadoras xa solicitaron foi a mediación no conflito do Consello galego de relacións laborais (CGRL). Após a xuntanza sen acordo da pasada terza feira, o cadro de persoal considera que é hora de que haxa unha intervención que inste á empresa a se sentar a negociar a serio. “O seguimento da folga é do 100% e levamos xa 8 días”, indica Fernández. As traballadoras consideran insuficiente a proposta económica de Bershka, que accedeu a abonarlles o plus de 80 euros do que gozan as súas compañeiras da Coruña pero non así o de 50 euros. Durante a negociación, a parte social amosouse disposta a rebaixar a cantidade á metade (25 euros) para desbloquear o conflito, máis a dirección ofreceu unicamente 10 euros.

Para esta sexta feira, as traballadoras prevén desprazarse até a sede de Inditex, en Arteixo, para volver a concentrarse ante as súas portas. As traballadoras da provincia de Pontevedra piden que se lles apliquen as melloras logradas en provincias como a da Coruña, o que permitiría rematar coa discriminación laboral tanto entre as distintas marcas do grupo téxtil (Bershka e Kiddy's Class de Pontevedra foron as únicas que se negaron a pactar as melloras) como entre as empregadas fixas eventuais.