Traballador@s da limpeza do Hospital Xeral de Vigo convocan folga indefinida a partir do 21 de abril

Así o acordou en asemblea o cadro de persoal de Clece, concesionaria do servizo, após lles comunicaren que se aplicará o convenio colectivo provincial e que a empresa presentou un ERE. 

2014 04 04 AsembleaFolgaCleceLimpezaXeralVigo01.grande
photo_camera [CC BY-NC-SA CIG-Avantar]

O servizo de limpeza do Hospital Xeral de Vigo irá á folga a partir do 21 de abril. E será indefinida. A decisión foi adoptada pol@s traballador@s após comunicarlles a empresa concesionaria do servizo, Clece, que lles será de aplicación o convenio colectivo provincial e que se vén de presentar un Expediente de Regulación de Emprego (ERE). 

A decisión de Clece supón a ruptura do pre-acordo alcanzado en outubro de 2013 e que puxera fin a unha outra folga. Naquela altura a concesionaria comprometérase a non aplicar a reforma laboral @s empregad@s. “En marzo, hai tres semanas, tivemos unha mediación no AGA, acadando un preacordo”, apuntan desde o servizo de limpeza do Hospital Xeral de Vigo. 

Mobilizacións diarias e folga indefinida

Porén, após consultar a Madrid, Clece anunciou ao cadro de persoal que lles aplicarán o convenio colectivo provincial --cuxas condicións benefician os intereses da empresa-- e que será aplicado un ERE. "Esta terza feira (1 de abril) entregoulle ao comité dúas cartas, unha de modificación substancial das condicións laborais para aplicar o convenio colectivo de limpeza de Pontevedra e outra na que anuncia a aplicación dun ERE a todo o cadro de persoal", salientan. 

Perante esta situación o plantel de Clece no Xeral de Vigo decidiu en asemblea convocar mobilizacións diarias a partir do día 7 de 10.00 a 10.30 e de 18.00 a 18.30. Aliás, acordaron iniciar unha folga indefinida a partir do 21 de abril en defensa das súas condicións laborais. 

Comentarios