“Tiñamos moi claro desde o principio por que loitabamos e contra quen”

As traballadoras de Bershka dixiren con tranquilidade, rematado o conflito, todo o acontecido nestes 9 días de greve mantidos contra un xigante como Inditex. “Impotencia, paixón, medo, preocupación, alegría, confianza, paciencia... Sentimos todo tipo de sensacións", recoñece Transi Fernández, que anima a seguir o exemplo destas traballadoras.

bershka transi fernandez CIG

Falamos con Transi Fernández, da CIG, dunha greve que tanto pola envergadura do ‘contrincante’ (o xigante Inditex) como polas protagonistas do conflito, mulleres mozas, focalizou o interese de importantes sectores da sociedade. 

- Pasados dous días da fin do conflito, que valoración fas do mesmo e do conseguido?

- Unha valoración positiva, evidentemente, porque conseguimos os obxectivos, aguantamos o tirón, tiñamos claro que nos metéramos nisto para gañar. Loitabamos por conseguir a equiparación na provincia de Pontevedra co logrado na de Coruña e conseguímola

- Que ensinanza podemos tirar desta greve máis alá da conquista concreta das demandas laborais das traballadoras de Bershka?

- Temos que asumir, ter claro, que sen conflito non hai un bo acordo, non hai avanzos. Sexa mobilizacións, calquera outro acto reivindicativo laboral, folga...É a ferramenta para lograr melloras.

- Cando falamos contigo en plena greve, afirmabas que “Inditex teme que se gañamos a folga de Bershka haxa un efecto dominó". Gañastes a greve: vai haber efecto dominó?

- Haberá, e por diferentes puntos do Estado español (ri). Con nós xa se puxeron en contacto traballadoras do grupo noutras partes, como Catalunya. Veuse que se pode, polo que outras van dar agora eses pasos. Esta é unha loita feminizada. A prática totalidade do cadro de persoal son mulleres. Ademais, nós temos claro que esas conquistas que vén de lograr a provincia de Pontevedra tamén teñen que chegar ao resto do noso país, de Galiza.

- A primeira greve deste tipo que se lle fai a todo un xigante como Inditex. Non tivestes un pouco de vertixe?

- Non tivemos. Tiñamos moi claro desde o principio por que loitabamos e contra quen. Sabiamos que as nosas demandas eran xustas. E tiñamos claro que iamos a esta loita para conseguir esas demandas, se non na súa totalidade case na súa totalidade. A xentes estaba moi, moi motivada e convendida de por que ía a esta loita. Creo tamén que este conflito non tiña por que ter durado tanto. De feito, a segunda xuntanza que tivemos coa empresa [sexta feira, 3 de novembro] foi moi diferente da primeira [terza feira, 31 de outubro].

- Como foron estes nove días de greve dentro do cadro de persoal?

- Tiñamos moi claro onde estabamos, o que estaba a acontecer. Foron días nos que experimentamos todo tipo de sensacións: impotencia, paixón, medo, preocupación, alegría, confianza, paciencia...e finalmente gañamos. Foi moi importante o apoio do sindicato. Tamén como nos motivabamos unhas ás outras, animándonos todo o grupo, elevándonos a moral.

- Criticastes que nos primeiros días de greve houbo un gran silencio sobre a mesma por parte dos medios máis importantes. Mais na recta final o foco mediático si que se pousou e a greve tivo moita repercusión nas redes sociais...

Houbo medios importantes que non contaron nada desta loita, mais iso non nos desanimou e buscamos chegar á xente a través doutras vías, desde redes sociais a reparto de pasquíns. Axiña este conflito logrou chegar a moitos sitios, mesmo fóra do Estado español, xerando unha gran vaga de solidariedade, e iso tamén é un éxito desta loita.

Comentarios