luns 03/08/20

Persoal de Teleperformance denuncia abusos da empresa co teletraballo

As traballadoras e traballadores protestan diante da empresa polo que consideran un sistema de teletraballo "ineficaz e incompetente".
Traballadoras e traballadores de Teleperformance diante da delegación da Coruña (CIG)
Traballadoras e traballadores de Teleperformance diante da delegación da Coruña (CIG)

Medio cento de delegados e delegadas sindicais da empresa Teleperformance concentráronse onte nas portas da delegación da empresa na Coruña para rexeitar o sistema de teletraballo "ineficaz e incompetente" asumido polo cadro de persoal desde o comezo da crise sanitaria.

A secretaria do comité de empresa, Clara García, denunciou que os custos, tales como os equipos informáticos, a conexión a internet ou a luz, "repercutiron de forma exclusiva no traballador sen ningún tipo de contrapartida"

Representante dos sindicatos CIG, UXT, CCOO e CGT, en nome das preto de 800 persoas que conforman o cadro de persoal, critican que durante o teletraballo ─no inicio do confinamento 60% das traballadoras comezou a traballar desde a casa e agora fano arredor de 30%─ houbo "moitas dificultades" a nivel técnico que levaron ás traballadoras a sufrir "cortes, incidencias e desconexións".

"A empresa pretende que eses tempos de desconexión os recupere o traballador", sinala García, quen indicou que a Inspección de Traballo ditou unha resolución que recolle que os tempos de desconexión son "responsabilidade" da empresa pero mantense, segundo García, un volume "importante" de "descontos en nómina" no mes de xuño e hai en marcha "multitude de reclamacións" por este motivo.

A secretaria do comité tamén censura que a compañía non permita comunicarse con ela ás empregadas por escrito ou por correo electrónico e que restrinxa "a unha única canle" o envío de reclamacións ou de documentación. "Estamos nunha posición de indefensión e pretenden afastar ás traballadoras da representación sindical", repróchalles García.

comentarios