O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos admite a trámite a demanda da CUT pola prohibición da manifestación do 1º de maio de 2020

O Reino de España debe responder ante o TEDH sobre a necesidade, proporcionalidade e alternativas á prohibición da manifestación decidida, despois de que o Tribunal requira ao Estado para presentar as súas alegacións.

cut

A Sección Terceira do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) vén de admitir a tramitación a demanda presentada pola CUT contra o Reino de España por” vulneración dos dereitos contidos nos artigos 10 e 11 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos, sobre dereito á liberdade de expresión e dereito á liberdade de reunión e manifestación pola prohibición da manifestación do 1º de maio de 2020”, segundo informoue sta segunda feira a propia central sindical;

Segundo a CUT, no resumo da cuestión realizado polo Tribunal “queda clara a vontade da central sindical de garantir a participación, naquela manifestación programada en vehículos, con todas as medidas previstas nas normas sanitarias, prestándose incluso a adoptar aqueloutras propostas pola Subdelegación do Goberno”:

“O demandante propuxo aplicar medidas sanitarias apropiadas para prever a propagación do virus e expresou a súa disposición para adoptar calquera outra medida que puidese ser suxerida. As autoridades administrativas rexeitaron autorizar a manifestación, limitándose a explicar que as circunstancias da pandemia eran o suficientemente graves para que se restrinxa o dereito do demandante a manifestarse”.

O Secretario Xeral da CUT, Ricardo Castro, xa manifestara na altura que “non se pode entender que nos obrigen ir traballar, mesmo aos sectores non esenciais, en condicións penosas, sen EPI, sen máscaras, sen preservar as medidas de distanciamento social recomendadas, para que despois se poñan os lentes para determinar que a nosa manifestación, especialmente deseñada a través de vehículos para evitar os contactos e con todo tipo de garantías sanitarias para preservar a saúde, é un risco perigosísimo para a poboación de Vigo”.

Esta prohibición dunha caravana de 40 vehículos, que a CUT cualificou no seu día de “hipócrita” pasará agora ao exame da mesa do Tribunal Europeo.

Até o 13 de xaneiro de 2022 o TEDH. outorga un prazo para un arranxo amistoso entre Estado e sindicato, logo do cal, o Reino de España disporá 12 semanas para presentar o seu escrito de alegacións contra a demanda, comezando a fase contenciosa do procedemento.

Para a CUT “a admisión a trámite por parte do Tribunal Europeo caricaturiza á perfección a farsa institucional existente no Poder Xudicial do Estado Español onde o Presidente do Tribunal Constitucional fixo uso do seu voto de calidade para tombar o recurso de amparo do sindicato, a pesar da obvia relevancia de decidir se unha manifestación segura pode ser arbitrariamente prohibida nun contexto no que se nos chama ao traballo en medios de transporte masificados.

A CUT manifesta a súa satisfacción por esta admisión a trámite, que se atopa entre o escaso 5% de demandas que o TEDH decide tramitar.

Ademais, a central informa que o vindeiro 30 de novembro ás 19.30 horas convoca unha nova marcha en Vigo, dende a Praza dos Cabalos, baixo o lema “Non máis farsa coa reforma laboral. Derrogación si ou si”.

Comentarios